Galaxia, a mellor editorial de 2016 grazas a vós

Categoría: Nova

Onte déronse a coñecer os mellores do 2016 na web Fervenzas Literarias despois de que máis de 400 persoas votasen nas diferentes categorías. Dez edicións e nesta agradecémosvos o voso cariño e apoio ao distinguirnos como a mellor editorial do ano pasado. Iso é posible grazas á vosa confianza e aos vosos azos para seguir adiante, sempre máis alá.
O noso agradecemento ten que ser para os lectores e as lectoras, pero tamén para os nosos escritores e escritoras que fan posible que vos gusten as lecturas que ofrecemos, que vos atrapen, que vos fagan soñar ou reflexionar.
En narrativa escollestes A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello, como a mellor novela de 2016. E entre as vosas querenzas tamén están Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo, Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro, e Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
En poesía gustouvos O canto da Sibila, de Rebeca Baceiredo e en ensaio soubemos máis do homenaxeado no Día das Letras Galegas coa biografía de Manuel María feita por Mercedes Queixas, Labrego con algo de poeta. E non só, tamén aprendemos De camiños, viaxeiros e camiñantes, a obra de Santiago Lamas e Alfonso Mato.
Para os pequenos e as pequenas da casa escollestes o teatro de Carlos Labraña, Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, pero tamén a historia de Marta e a píntega, de Eli Ríos. E para o público xuvenil destacastes A soidade das medusas, de Iria Collazo, e A boca do monte, de Celia Díaz.
Gustáronvos as ilustracións de Luz Beloso e a capa de A ferida do vento, con esa vella fotografía que abre o libro de Antón Riveiro Coello, a quen escollestes como un dos autores do ano.
Parabéns a cada unha das persoas premiadas da nosa editorial e das outras, porque xuntas facemos país.
Por todo isto e por moito máis GRAZAS!

Comparte nas túas redes sociais ou por email