O día 19 de abril de 2006 presentouse no Casino de Santiago o III Premio de Novela Europea concedido ao libro Xuntos e máis nada editado por Galaxia. O concorrido acto contou coa asistencia da autora, Anna Gavalda, que viaxou a Compostela expresamente para recoller o seu galardón. O certame suma enteiros coa repetición por parte de Galaxia da edición en galego da novela gañadora, que asumiu o reto da Concellaría de Cultura de publicar cada ano a novela premiada, contando coa súa colaboración para a tradución. A Menulara, da escritora siciliana Simonetta Agnello, abriu a serie como gañadora da segunda edición do pasado ano 2004, nesta terceira edición a gañadora é unha novela francesa de grande éxito e que en breve ha ser levada ao cinema.
Pero a cousa non ficará aquí se vai adiante a proposta que Galaxia lle fai a Concellaría de Cultura e que Néstor Rego non descartou como algo posible. Trátase de por en marcha unha subcolección dentro da colección Literaria de Galaxia na que se inclúan traducións de obras de relevantes autores da literatura contempránea, antes incluso de que aparezcan en castelán, ou ao mesmo tempo, como a última novela de Paul Auster, Brooklyn Follies. Mesmo o nome desta colección podería ser: "Biblioteca Compostela de Narrativa europea". Sustentaríase non só no premio do Casino, se non en obras relevantes europeas co afán de retomar o simbolismo de Santiago como fin do camiño que foi vía de comunicación no medievo, que trouxo e levou cultura.
A glosa da novela gañadora fixoa Xacobe García, membro do xurado en representación do IES Rosalía de Castro en calidade de presidente da xunta de delegados de alumnos do centro. Tamén falou a autora, que amosou o seu agradecemento e a grata sorpresa que lle produciu un premio outorgado cos votos ponderados dos composteláns e residentes e por representantes de entidades cidadáns.
C. P. Edic. Santiago. Voz de Galicia.