Editorial Galaxia amplía o seu catálogo dixital coa chegada de cinco novos audiolibros xa en distribución. Obras de narrativa que chegan agora ao formato sonoro abrindo novas vías de acceso á lectura en galego.
Runrún, de Ana Varela
Narración de Bea García e Teresa Santamaría
Tras a morte prematura dos seus pais, Aldara sofre un episodio psicótico e a súa irmá Uxía vese obrigada a facerse cargo da situación. Runrún constrúe, a través dunhas poucas horas decisivas, unha fonda reflexión sobre os vínculos familiares, os afectos impostos e escollidos, os prexuízos e a fraxilidade da liña que separa a estabilidade do abismo. A primeira novela de Ana Varela chega agora ao formato audiolibro.
Podedes mercalo mercando aquí.
Son como glaciares os barcos de aceiro, de Cynthia Menéndez
Narración de Ramón Pouso Dios
Unha novela construída con precisión artesanal que rende homenaxe ao Vigo industrial e combativo de finais dos anos noventa. A través da memoria dun neno que medra entre folgas, manifestacións e loitas sindicais, Cynthia Menéndez ofrece un relato cheo de dignidade, nostalxia e compromiso. Unha carta de amor á clase traballadora e á cidade azul, coma os estaleiros, o mar e os glaciares que lle dan título.
Podedes mercalo premendo aquí.
Os mortos que amei, de Iria Collazo López
Narración de Ana Maciñeiras
Celeste, con 83 anos, decide fuxir un día de abril. Acompañada polo seu can Elvis e polo seu consogro Antón, sempre seguido polo fantasma da súa muller, inicia unha viaxe cara ao Sur que se converte nunha road trip tan disparatada como tenra. Con humor e nostalxia, Iria Collazo constrúe un relato sobre a memoria, a morte e un amor imposible, onde realidade e invención se entrelazan.
Podedes mercalo premendo aquí.
Birken, de Diego Alfonsín
Narración de Julio Lorenzo
Birken é un personaxe cheo de preguntas: sobre a linguaxe, o lugar de orixe, a identidade e o sentido de pertencer. Birken sabe que nunca, baixo ningún concepto, debería volver a Galicia; pero un día descobre que algo o inquieta nese lugar onde todos aceptamos que se agocha o corazón.
Podedes mercalo premendo aquí.
Contos gringos, de Lara Dopazo Ruibal
Narración de Teresa Santamaría
Tornados, campos de millo, animais salvaxes, mortes inesperadas e moito frío percorren estes doce relatos ambientados no profundo dos Estados Unidos. En Contos gringos, a violencia, o desacougo e o sobrenatural mestúranse ata borrar as fronteiras coa realidade. A realidade e o sobrenatural mestúranse, ata que é imposible distinguilos.