Desde Editorial Galaxia lamentamos fondamente o falecemento de Xulián Parga, conselleiro da editorial, ocorrido aos 90 anos de idade en Lugo.
Xulián Parga formou parte do consello editorial de Galaxia durante anos, participando con compromiso e lealdade nun proxecto cultural ao que estivo fondamente vencellado. A súa achega caracterizouse pola discreción, a proximidade e a defensa cultural, valores que guiaron tamén a súa traxectoria persoal e institucional.

Desde Lugo, cidade na que desenvolveu toda a súa vida, mantivo unha relación constante coa vida cultural galega. Ademais da súa responsabilidade en Galaxia, estivo ligado de maneira decisiva á Sociedade Filharmónica de Lugo, da que foi vicepresidente e socio número un, contribuíndo á súa continuidade e prestixio ao longo de décadas.
Empresario de profesión, dirixiu ata os anos noventa o negocio familiar de recambios de automoción fundado polo seu pai, compatibilizando sempre a actividade profesional cun compromiso sostido coa cultura.
Desde Editorial Galaxia queremos expresar o noso máis sincero pésame á súa familia, ás súas amizades e ás persoas e institucións que compartiron con el este camiño, e agradecer a súa dedicación e fidelidade ao proxecto editorial.
