Galaxia inaugura setembro cargada de novidades

Categoría: Nova

Despois dun verán ateigado de lecer e boas lecturas, a Editorial Galaxia abre de novo as súas portas ao público ofrecendo todo tipo de opcións literarias.
Celebrando as súas vodas de ouro coa poesía, a escritora Helena Villar Janeiro festexa o seu amor pola palabra co libro De rosa antiga. Unha escolma que recolle a súa obra dende 1972 ata 2022. Velaquí unha mostra significativa do que leva dado de si un talento que se iniciou hai cincuenta anos.

Da voz intimista do inicio, a súa obra evolucionou cara a novas temáticas e ritmos, desde a poesía mínima dos inicios, que culminou nos haikus, ata contidos de carácter social ao redor das perspectivas feminista, ecoloxista e solidaria coa dor de todos os exilios.

Os amantes da escrita de María do Cebreiro están de sorte porque este mes agardamos a chegada do seu novo libro Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos tradicionais de crianza, Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2021. Nel a autora estuda a idea da maternidade, condicionada por dous factores fundamentais: o decrecemento progresivo da natalidade e o atraso da idade á que as mulleres teñen o seu primeiro fillo.
Explorar os novos dispositivos parentais, e as súas implicacións colectivas, é o principal obxectivo deste ensaio, que entra en diálogo con clásicos da literatura feminista, ao tempo que tenta explorar os límites da dimensión confesional do xénero.
Marcos Lorenzo é o encargado de inaugurar a nova colección Heterodoxos conEnser.  Un libro breve e xeneroso, escrito con brillantez e cunha atención característica que atende tanto á rítmica do texto como á música da fala.
Hai nel un humor sobrio e un emprego coidadoso da temperatura emocional, e a súa amabilidade é compatible cunha dureza que, máis que un trazo argumental, é unha virtude estilística.

Comparte nas túas redes sociais ou por email