Galaxia inaugura a colección Biblioteca Xavier Alcalá

Categoría: Uncategorized, Nova

A capital do mundo, de Xavier Alcalá, é a obra encargada de inaugurar a colección bautizada co nome do autor. Esta é a segunda biblioteca creada, despois da Biblioteca Xosé Neira Vilas, dun autor vivo.

Esta publicación, sitúa ás lectoras e lectores en 1957. Un adulterio ferinte, un amor tolo, imposible, son os encargados de impulsar a unha rapaza coruñesa a emigrar. Nova York, A capital do mundo, sempre atraera a Nieves Ocampo e cara alá marcha cunha parada previa na Habana. Ese alto na ruta, inicialmente curto, devirá en peripecia vital nunha viaxe por un mundo inimaxinable ata ese momento da Historia.

A emigración é tema principal na obra de Xavier Alcalá. Tras relatar vivencias propias en La Habana flash, entrou a fondo na Revolución de Cuba con Verde oliva dando voz á “axente Mariana”, galega loitadora pola liberdade. Con A capital do mundo retorna á escena revolucionaria, onde Nieves recolle, ao seu xeito, o testemuño de Mariana. É a primeira parte de Mayimbes —os irmáns Castro e as elites do réxime—, entre os que sobrevive a protagonista. 

O venres 9 de agosto, celebrarase, ás 18 h, nos Xardíns de Méndez Núñez, na Feira do Libro de Coruña, a primeira presentación do libro.

Acompañando o autor, estarán Xulio López Valcárcel, escritor, e Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Editorial Galaxia.

Esta semana chegará a todas as librarías de Galicia.

Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947) é enxeñeiro de telecomunicacións, ademais de colaborar na prensa, actualmente cunha columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), obra á que ían seguir títulos como A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996) e Alén da desventura, novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998. Tamén é autor da triloxía “Evanxélica memoria”, en que se relata a epopea das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz (2007). En 2012, publicou a novela Verde oliva, sobre a revolución castrista en Cuba, e The Making of (2018), o retrato dun sobrevivente, onde se descobre a aventura oculta da emigración galega na Arxentina.

Comparte nas túas redes sociais ou por email