Volvemos en setembro con máis novidades

Categoría: Nova

A nosa fábrica de libros pechará as súas portas durante todo o mes de agosto, a partir do día 1. O equipo galáctico estará de vacacións ata setembro, coa vista e co corazón nas novidades que chegarán para o novo curso, e tamén en todos os títulos que fornecen o noso catálogo.

Neste primeiro trimestre, encargado de inaugurar o ano do noso 75 aniversario, as publicacións encargadas de dar o disparo de saída estarán enfocadas a todos os públicos, dende libros de literaria, infantil, premios… son moitas as obras escollidas para o noso público.

Velaquí un chisco máis de información para ir abrindo boca:

SUCOS, Premio Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2023, de Ignacio Vidal Portabales, ilustrado por Sandra Lodi. Publicado na colección Árbore, recomendado para lectura a partir de 8 anos, este libro conta a historia de Aldara e o seu avó. O vello Moncho, comeza a facer cousas raras e, a súa neta, preocupada por el, vaino acompañar nunha extraordinaria aventura enriba dunha padeadora amarela, coa que percorrerán camiños e leiras.

PAPÓNS, Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado 2024, de Sandra Lodi. Un álbum que pon en valor a necesidade de preservar e protexer a natureza. De respectar os animais e darlles o seu propio lugar. Unha historia de xenerosidade que pon o foco no protagonismo que xogarán as novas xeracións como exemplo de conciencia. Un traballo colectivo que todas as persoas deben exercer en conxunto.
 

OS INIMIGOS IMAXINADOS, de Xosé M. Núñez Seixas. Publicado na colección Ensaio, este libro aborda a historia sociocultural da colectividade galega na Arxentina, a máis importante de América, entre finais do século XVIII e mediados do XX, e analiza a conformación da súa identidade colectiva en relación coas imaxes que sobre os inmigrantes circulaban naquela sociedade. Un rico calidoscopio de imaxes, estereotipos e contraimaxes que neste libro se reconstrúe para contribuír ao coñecemento das mentalidades e imaxinarios da diáspora, parte indispensábel da historia da Galicia contemporánea. 

E vós, que leredes durante este verán?

Vémonos á volta, cargadas de novidades! Felices vacacións e boas lecturas!

Comparte nas túas redes sociais ou por email