Galaxia estará na Feira do Libro de Ferrol

Categoría: Nova

Mañá, venres 21 de abril, comezará a Feira do Libro de Ferrol, a primeira nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 23, día do libro. Celebrarase na Praza da Constitución da cidade.

Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos:

Venres 21, ás 17:30 h. Espectáculo musical infantil e familiar con Pakolas, arredor do seu último traballo: Ramona pequena vai á Lúa, ilustrado por Laura Romero. A dupla creativa volve a sorprender cun fermoso álbum ilustrado, ateigado de cor e rock and roll. As pequenas viaxarán con Ramona dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiran chegar. Quebrade os límites con Pakolas e Laura Romero nesta nova aventura rockeira!

Sábado 22 de abril, ás 19 h. Presentación arredor de Feminismo en cen palabras, de Luca Chao. Acompañando a autora, estará a escritora Emma Pedreira.

A autora escribe este libro dende o convencemento feminista, dende o punto de partida de que todas as persoas somos iguais. Nesta proposta, Chao achega un corpus teórico esencial, que facilita a comprensión de certos conceptos básicos da teoría feminista. Unha invitación a ir máis alá, unha porta aberta ao debate.

Ás 20 h. Presentación de Enser, de Marcos Lorenzo. Acompañando o autor, estará o xornalista Nicolás Vidal. Este título breve pero xeneroso, que contén comedia, afecto examinado, contemplación, unha teoría erótico-demográfica, queixas, intuicións filosóficas, cálculos, propósitos subversivos ou de emenda, vagos manifestos, hipocondría…

Vémonos na feira!

Comparte nas túas redes sociais ou por email