Galaxia e a SXPL achegaranlles aos nenos e nenas o espectáculo 'Rosalía Pequeniña'

Categoría: Nova

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García, presentou onte 'Rosalía pequeniña', acompañado por Xulio Amigo, director comercial da editorial Galaxia, e mais por Uxía, compositora e intérprete das cancións que compoñen o espectáculo.
Valentín García expresou a súa satisfacción polo feito de que a Rede de Dinamización Lingüística se sume con esta iniciativa á conmemoración do 150.º aniversario da publicación de Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento da lingua propia de Galicia a partir do século XIX. "Con Rosalía pequeniña", afirmou, "miramos cara ao pasado, pero tamén cara ao presente e cara ao futuro, pois cumprimos o dobre obxectivo de honrarmos unha das nosas máis grandes figuras literarias e mais o de transmitírmoslles aos nenos e nenas unha imaxe positiva e actual da lingua galega". Neste sentido quixo destacar que "Rosalía pequeniña" está pensada para que os cativos canten en familia, durante e despois do concerto, textos en galego interpretados a ritmo de muiñeira, pero tamén de rock, de balada ou de blues.
"Rosalía pequeniña" consta de corenta concertos nos que a coñecida cantante Uxía, acompañada polo músico Sérgio Tannus, interpretará para nenos e nenas diversos textos rosalianos musicados con melodías pegadizas, variadas e actuais. Os cativos gozarán dunha actividade agradable en familia que se desenvolverá en lingua galega e poderán continuar cantando no noso idioma unha vez que baixe o pano. Deste xeito, dáselles aos pais e nais unha nova ferramenta musical para usaren, aprenderen e transmitiren a lingua galega ás novas xeracións.
Os 40 concertos con entrada libre desenvolveranse a partir desta fin de semana nas seguintes localidades: na provincia da Coruña, A Baña, Betanzos, Brión, Cariño, Carnota, Dodro, Dumbría, Fene, Ferrol, Laxe, Lousame, Miño, Neda, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Teo, Toques e Val do Dubra; na provincia de Lugo, Carballedo, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, A Pontenova, O Vicedo e Xove; en Ourense, Melón, Pontedeva e Xunqueira de Espadanedo e, en Pontevedra, Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo, Cuntis, Forcarei, A Lama, Marín, Mondariz-Balneario, Mos, Ponteareas, Pontecesures e Tui.

Comparte nas túas redes sociais ou por email