Galaxia completa a súa oferta para Bacharelato

Categoría: Nova

O curso pasado, o libro de Lingua Galega e Literatura chamaba a atención da comunidade educativa polo seu enfoque novidoso, moderno e interactivo, ademais de pola calidade dos seus contidos, pensados, por suposto, para que o alumnado adquira os coñecementos presentes nos curriculums oficiais mais tamén para que entendan que dende Galicia é posible entender e apreixar o mundo en todas as súas dimensións. Internet, as novas tecnoloxías, o enfoque de xénero, o multiculturalismo… novas realidades nun século XXI que esixía un planteamento didáctico que agora se completa co libro de segundo de bacharelato.

Neste novo volume, mantense a filosofía pedagóxica que inspirou o primeiro: os temas están organizados a xeito de pizarra, de tal maneira que o estudante ten diante dos ollos a esencia fundamental de todo o que ten que aprender sobre os temas a tratar. O coidado deseño permite que a beira dos temas teóricos sobranceen salientados de todo tipo (biografías de autores, propostas de profundización temática, documentos relacionados…) que garanten a profundidade do estudo así como que nada queda sen ver.

Para este segundo texto, o equipo redactor, formado como no caso anterior por prestixiosos profesores e profesoras tanto de ensino secundario como universitario, prepararon toda unha batería de actividades, moi centradas nas probas de selectividade, que fan do libro de texto unha ferramenta completa para superar, e con éxito, as probas de acceso á universidade.

Organizado en 12 unidades temáticas, abórdanse os temas de lingua e literatura (que chega ata o estudo dos autores que a día de hoxe están a marcar as novos vieiros da literatura galega) dende unha perspectiva práctica cunha redacción rigorosa e amena.

Con este novo texto, Galaxia completa a súa oferta educativa para este curso ofrecendo, como o ano pasado, un completo Solucionario de apoio ao profesorado así como toda unha serie de Actividades de Ampliación e Reforzo e un CD-Rom coa nosa Proposta Didáctica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email