O sábado foi reivindicada en Vigo a figura do intelectual e fundador da Editorial Galaxia, na compaña de Piñeiro e Isla Couto, Francisco Fernández del Riego, no acto no que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lle entregou á súa irmá Ana María Fernández del Riego (na foto da dereita, ao carón da imaxe do seu irmán, con parte dos asistentes á homenaxe) a placa conmemorativa que recoñece ó intelectual de Lourenzá como Bo e Xeneroso. O galardón fóraselle comunicado en vida e don Paco amosara a súa ledicia e intención de escribir un discurso de agradecemento para o día no que a AELG o visitaría na súa casa de Vigo para facerlle entrega do galardón.
Na homenaxe celebrada na Fundación Penzol, que Fernández del Riego dirixiu durante 47 anos, o presidente da AELG Cesáreo Sánchez Iglesias, e trala presentación a cargo do actual director da Penzol, Francisco Domínguez, nun emotivo discurso, asegurou que co premio os escritores e escritoras de Galicia quixeron dicirlle: "Don Paco, nomeámolo Bo e Xeneroso porque queremos que saiba que sempre o quixemos pola súa honestidade e polo seu amor a Galicia e que lle queremos dar un abrazo cheo de tenrura porque xeracionalmente somos os seus fillos e netos e queremos dicirlle que é o noso orgullo". Por outra banda, Cesáreo Sánchez Iglesias salientou o feito de que Del Riego sempre apoiou aos novos escritores para potenciar "a todos os que comezabamos sen pedirnos contas polo noso pensamento, porque todos eramos necesarios para el".
O tamén escritor e director xeral de Galaxia, trala lectura da acta que confirmaba o galardón a del Riego por parte da Secretaria da AELG, Mercedes Queixas, Víctor F. Freixanes, afirmou que Fernández del Riego, é "o músculo da nación dos galegos", para insistir na idea de que, se somos quen somos é sobre todo porque xentes como don Paco souberon vencer as terribles dificultades ás que tiveron que enfrontarse. Estamos ante unha vida dedicada á causa de Galicia", afirmou ao tempo que fixo unha longa viaxe polos feitos máis importantes da súa traxectoria como galeguista e escritor.
Aproveitando o acto, anunciou que en pouco tempo será publicado un libro inédito de Francisco Fernández del Riego que recolle uns textos nos que don Paco traballou os últimos anos e no que conta a súa estadía na capital gala no ano 1953, onde visitou a Colmeiro e coñeceu a Pablo Picasso.
Francisco Fernández del Riego, falecido o pasado mes de novembro estivo a traballar neste libro inédito nos últimos anos da súa vida e encargoulle á filóloga Malores Villanueva a corrección e a edición da obra para que fose publicada despois da súa morte.
Como peche do acto produciuse unha lectura de textos do intelectual galeguista para repasar a súa vida e pensamento, a cargo de Malores Villanueva e Francisco Castro.