Francisco Castro

Categoría: Recensión

¡QUE ENVEXA!

Había moito, en verdade moitísimo tempo que non gozaba tanto coa lectura dun libro como con esta revolución de Alfonso Álvarez Cáccamo. E como autor, o único que me queda é proclamar a miña envexa (agora quedará moi ben dicir iso de "san") diante da capacidade fabuladora do autor, que foi quen de crear un universo, Gurzonia, onde case que todo é posible. Incluso o cumprimento, a pesar de todo, das utopías libertarias e liberadoras.

A revolución dos globos é, sobre todo, unha novela de personaxe. Vemos nacer a Culebrius, sufrimos con el na primeira infancia diante da intolerancia dos outros cativos, rimos de felicidade cos seus primeiros éxitos e, cando toca, sufrimos con el. Velaquí, ao meu parecer, un dos meirandes éxitos desta novela: a construción do personaxe central que, como na boa literatura "de peso" ( que non pesada ) enche todas as páxinas e toda a historia.

A novela (por iso a miña envexa) teno todo: humor, aventuras, retranca, filosofía, unha visión do mundo, está escrita cun estilo sólido e mantido… en definitiva, todo o que os lectores lle pedimos á boa literatura, todo o que os escritores procuramos cando sentamos diante do ordenador e da nosa fantasía, ao noso (quen o teña) talento.

Por outra banda, hai que celebrar a voz narradora, o xornalista que conta a historia, que ten unha presenza tan engaiolante coma o propio Entelequio Culebrius e é unha completa delicia verlle facer cabriolas e reviravoltas e pinchacarneiros estilísticos para manter a "obxectividade" arredor do personaxe biografado para, no fondo, non poder conter a admiración que sente por el. E iso pásanos tamén aos lectores da novela, que cando coñecemos ao personaxe central cavilamos que estamos diante dun miñaxoia calquera mais, cando remata, entendemos que era un tipo grande.

Para concluír: é tamén unha novela "política", no senso máis ateniense da palabra. Polis: cidade. Unha novela que fala das colectividades, dos dereitos dos pobos a reivindicar a liberdade diante das ditaduras. Por iso digo que é política. Claro que si. E quen queira ver aquí só unha novela de trama, ou mesmo de personaxe como antes dixen, estará a quedarse só cunha mínima parte de todo o que cumpriría sinalar.

Comecei esta recomendación asumindo a envexa que me produce o feito de que fose el quen a escribiu e non eu. Por iso podería rematar esta nota botando un taco en gurzonio. Mais non o farei. Pero si: está tan ben que, durante as semanas que empreguei na lectura, incluso aprendín gurzonio.

Que envexa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email