Finou Daniel Cortezón

Categoría: Nova

Onte finaba no Hospital Xeral de Lugo, o escritor Daniel Cortezón. Nado en Ribadeo no ano 1927, foi o primeiro gañador do premio Blanco Amor de Novela ('A vila sulagada') aínda que o eido literario no que alcanzou cumios máis elevados foi no campo dramático con obras como 'As covas do Rei Cintolo' (1955), cun prólogo de Ramón Piñeiro.
De formación totalmente autodidacta, a súa obra, tanto en galego como en castelán, contén teatro, narrativa, ensaio, artigos, traduccións ó galego e prólogos.
Viviu boa parte da súa vida en Madrid, onde estivo en contacto coa maior parte dos intelectuais galegos que entón residían alí e que soían facer xuntanza no Café Gijón. Nos últimos anos retirouse de novo á súa vila natal de Ribadeo, aínda que tamén pasaba longas tempadas en Vigo.
Entre os seus intereses literarios destacan as catro obras que escribiu arredor da figura de Castelao, ou outras dedicadas aos irmandiños ou figuras históricas como Pedro Madruga, Prisciliano ou Xelmirez. Profundou tamén nas relacións entre o teatro e o nacionalismo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email