Hoxe todos os medios de comunicación galegos coinciden unanimemente no lamento pola morte do intelectual galeguista Antonio Pérez Prado (1926), un home que foi ponte, e casa amable de acollida, dende Buenos Aires, de persoeiros como Blanco Amor, Luis Seoane, Dieste, Lorenzo Varela ou Neira Vilas, así como con outros fillos de Galicia en tempos ben difíciles para a nosa cultura. Considerado un referente para nós alén-mar, publicou obras como 'Los gallegos y Buenos Aires' do ano 73.
Recoñecido hematólogo, exerceu como médico no Centro Galego.
Antonio Pérez Prado pertence a esa xeración de fillos de emigrantes que se forman no galeguismo abeirados a proxectos fermosos como a Editorial Follas Novas, e que destacou pola súa profunda cultura e brillante sentido do humor así como grande conversador.
Na liña dos grandes galeguistas, entendía a lingua como o elemento aglutinador e definitorio de Galicia, e xa que logo, patrimonio a coidar e espallar. Todas as súas actuacións públicas, así como o seu traballo en medios como Radio Nacional ou o suplemento do xornal 'La Nación' partiron sempre e tiveron como guieiro o compromiso irrenunciable con Galicia.
Dende esta madrugada, hora galega, descansa no cemiterio da Chacarita da capital arxentina.