Fina Casalderrey, nominada ao Premio Memorial Astrid Lindgren

Categoría: Nova

Esta é a terceira vez que a escritora é nominada, despois da proposta de Gálix á OEPLI, neste prestixioso galardón, momento no que opta simultaneamente ao Hans Christian Andersen; os recoñecementos máis importantes da literatura infantil e xuvenil a nivel internacional. 

O Premio Astrid Lindgren Memorial Award (ALMA), outorgado anualmente polo goberno sueco coma homenaxe á creadora Pippi Mediaslongas, recoñece o labor dos diversos actores que conforman o mundo do libro infantil e xuvenil. Este ano concorren 245 candidaturas de 68 estados, a maioría pertencen ao campo da escrita ou da ilustración, por toda a súa obra e a proxectos ou organización que fixeran valiosas aportacións na literatura infantil e xuvenil no fomento da lectura.

O resultado coñecerase en abril de 2024

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas(1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina(1992, premio Merlín), Chamizo(1994), ¡Asústate, Merche!(1995), O misterio dos fillos de Lúa(1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres(1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996, incluído na Lista White Ravens 1998), ¿Sobrevives?(1996), ¡Puag, que noxo!(1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata(2000), A máscara de palma(2000), O neno can, escrito conxuntamente con Francisco Castro (2014, Lista do centro Ibby de Documentación para nenos con dificultades especiaisi; Premio Frei Martín Sarmiento 2014; Lista de Honor da revista CLIJ 2014).

En 2020, publicou Lingua guapa.Cantos que contan, musicado por Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo.

A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Traducida a máis dunha ducia de idiomas, ten desenvolvido tamén un destacado labor no eido do fomento da lectura e a renovación pedagóxica do Ensino, amais de promover o teatro escolar e a investigación etnográfica no ámbito educativo.

Nominada ao Premio Astrid Lindgren e incluída nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books, recibiu tamén a Medalla Castelao (2003).

En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra; distincións que espellan a excelencia do conxunto da súa obra.

En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email