Antón Riveiro Coello recolle o Premio Álvaro Cunqueiro de Novela por “Hotel Carioca”, en Modoñedo

Categoría: Nova

Esta mañá celebrouse, no salón de plenos do Concello de Mondoñedo, o acto de entrega e presentación de Hotel Carioca, I Premio Álvaro Cunqueiro de Novela 2022, de Antón Riveiro Coello.

Acompañando o autor, estiveron Elena Candia López, vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Manuel A. Otero Legide, alcalde do Concello de Mondoñedo; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Armando Requeixo, crítico literario e coordinador de actividades e publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro; e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia.

 

 

 

 

Hotel Carioca é unha novela múltiple que, coma unha matrioska, contén outras novelas que van dende unha de formación a outra psicolóxica, pasando mesmo por unha policial. Cun estilo lírico, áxil e envolvente, Antón Riveiro aborda temas como a homosexualidade e a súa aceptación, os coidados, a eutanasia, a emigración, a amizade, a descuberta da sexualidade e, sobre todo, o fantástico e intuitivo mundo da creación artística.

Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964). É un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e, entre a súa obra, traducida a varias linguas, destaca Valquiria (1996), Premio Camilo José Cela; Parque Central e outros relatos (1996); A historia de Chicho Antela (1997); A quinta de Saler (Galaxia, 1999), Finalista Premio Torrente Ballester; Animalia (Galaxia, 1999), Premio Café Dublín; As rulas de Bakunin (Galaxia, 2000), Premio García Barros; Homónima (Galaxia, 2001), Premio Álvaro Cunqueiro; Cartafol do Barbanza (2002); A esfinxe de amaranto (Galaxia, 2003); Limaiaé (2005); Casas Baratas (Galaxia, 2005); A voz do lago (Galaxia, 2007), Os ollos de K (Galaxia, 2007), Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago; As pantasmas de auga (2010); Laura no deserto (Galaxia, 2011), Premio da Crítica Española, Premio de Narrativa da AELG e Premio Frei Martín Sarmiento; Acordes náufragos (Galaxia, 2013); Os elefantes de Sokúrov (Galaxia, 2015), Premio Fervenzas Literarias; A ferida do vento (Galaxia, 2016), Premio Frei Martín Sarmiento; Á sombra dos bonsais (Galaxia, 2017); e O paraiso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019 (Galaxia, 2020).

Comparte nas túas redes sociais ou por email