Esta fin de semana, preludio da vindeira en que os escolares collerán xa as vacacións de Nadal, vai ser especialmente prolífico en concertos pensados para eles. Os músicos e músicas que recentemente teñen publicado libro-discos na nosa editorial, visitan distintas localidades para seguir cantando, desta volta en directo, as cancións que xa se poden debullar nos libros-cds que publicamos.
Así, o espectáculo protagonizado por Uxía, 'Cantaruxa coa Bruxa Maruxa', chega ás terras de Teo. Será o venres 13, ás 12'30 no Auditorio da Ramallosa.
O espectáculo argállase arredor dos temas de 'María Fumaça', un dos grandes éxitos musicais do ano pasado. Poucos nenos e nenas de Galicia quedaron sen cantar e bailar con esta locomotora festeira. Agora, para seguir gozando, creamos un concerto en pequeno formato protagonizado pola Bruxa Maruxa (Uxía) e o seu axudante (o músico ‘brasilego’ Sergio Tannus) coa idea de visitar os colexios e os concellos que queiran acollelos. Está garantida a diversión, ledicia musical por un tubo e a poesía. Todo enmarcado nun canto feliz á diversidade.
O mesmo venres, pero na Coruña, Pablo Díaz estará na FNAC ás 18 horas ofrecendo un pequeno concerto de presentación centrado no seu novo traballo, o libro-disco TOC TOC. Logo do éxito do seu Tic Tac, hai xa catro anos, Pablo Díaz continúa a súa carreira na música para os máis novos co lanzamento de Toc Toc, un libro-disco, que conta con ilustracións de Nuria Díaz e que achega un feixe de temas optimistas e con ritmo. Canda ao que dá título ao volume, tamén hai cancións dedicadas ao Apalpador, á defensa do medio ou ao coidado dos animais, todo elo con ritmos alegres e grandes doses de fantasía. Díaz conta cunha banda de apoio e inclúe no traballo instrumentos como gaita, guitarras, acordeón e percusións.
Finalmente, o sábado, en Vigo, na Casa do Libro, Mamá Cabra ofrecerá un pequeno concerto acústico centrado nos temas do seu novo traballo, asinado con Susa Herrera, 'Cartas que veñen e van'. Será ás 18 horas nun pequeno e intenso formato que no pasado Culturgal arrasou en afluencia dun público entregado que gozou da festa, coma sempre acontece cos traballos deste popular grupo de música infantil.