Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, homenaxeados polo Pen Clube de Galicia

Categoría: Nova

Arredor de duascentas persoas participaron na homenaxe. Logo da intervención de Luis González Tosar, presidente do Pen Clube, que glosou a significación e a historia desta institución, cunha lembranza especial aos seus primeiros presidentes: Alfredo Conde, Carlos Casares e Úrsula Heinze, tomaron a palabra a escritora Marilar Aleixandre, que glosou a figura de Isaac Díaz Pardo, e a profesora Camino Noia, que se encargou da laudatio de Fernández del Riego. Unha e outra salientaron os méritos dos dous intelectuais galeguistas, aos que o Pen Clube incorpora como socios de honra e lles concede o premio Voces de Liberdade, pola súa traxentoria.

Editor, activista cultural, promotor dende 1963 do proxecto empresarial do Grupo Sargadelos e do Laboratorio de Formas de Galicia, xunto co escritor e artista Luis Seone, a figura de Isaac Díaz Pardo (Santiago, 1920), igual que a de Fernández del Riego, constitúe un referente obrigado da cultura galega do século XX. "En épocas de resistencia e escuridade, souberon manter a dignidade de Galicia", salientou Marilar Aleixandre na súa intervención, nun texto que titulou "Laboratorio da Memoria".

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913) inicou as súas actividades nos anos 30, vencellado ao Partido Galeguista e ás Mocidades Galeguistas durante a Segunda República, e como el mesmo dixo, "viviu en primeira persoa os grandes acontecementos da Galicia do pasado século". Fundador da Editorial Galaxia e primeiro director, xunto con Ramón Piñeiro, da revista GRIAL, a súa obra é ampla e luminosa, cunha atención especial á renovación cultural de Galicia. Durante o seu período como presidente da Real Academia Galega (1997) iniciou a renovación da institución, promovendo novos estatutos e incorporando novos membros. A el débese a institución do Día das Letras Galegas, en 1963.

Asistiron ao acto as primeiras autoridades da cidade, entre eles o alcalde de Vigo (Abel Caballero) e o primeiro tenente de alcalde (Santiago Olveira), así como a Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (Ánxela Bugallo) e a Secretaria Xeral de Política Lingüística (Marisol López).

Comparte nas túas redes sociais ou por email