Fausto virá cear connosco

Categoría: Nova

A premiada poeta Marga do Val tamén participou no proxecto 'Cociñando ao pé da letra'. Para o libro atreveuse cun prato de coello que vos deixamos aquí.

INGREDIENTES

COELLO CRIADO NA CASA POR ISOLINA DE MOSENDE
CATRO MAZÁS PARDAS DE TABARDILLA DA MACEIRA DO AVÓ FELICIANO DE MOSENDE
DÚAS CUNCAS DE ARROZ.
UN POUCO DE ACEITE DE OLIVA
UNHA CEBOLA GRANDE DE MOSENDE
SEIS DENTES DE ALLO DE MOSENDE OU DOS QUE VENDE PURITA DE MOSENDE NOS MERCADOS.
UN BO VASO DE VIÑO BRANCO DE EMILIO DE MOSENDE.
SEIS NOCES DA NOGUEIRA DA AVOA BENEDICTA DE MOSENDE OU DA DE ALFRED DE OBER-HILBERSHEIM
UNHA PINGA DE AUGARDENTE DESTILADO NO ALAMBIQUE DE FLORENTINO DE MOSENDE
SAL
AZUCRE
CANELA
UNHA FOLLA DE LOUREIRO DO LUGAR DA AVOA BENEDICTA E DO AVÓ FELICIANO DE MOSENDE.

(Nota) Todos estes ingredientes de Mosende se son imposíbeis de conseguir poden ser substituídos polos de calquera outra aldea onde os houber. Os allos, iso si, débenselle mercar a Purita de Mosende. E a augardente se non se ten de pote tradicional mellor que a receita sexa sen rito.

APERTURA

Escuro

AUTORA- (Voz en Off).- Sombras amadas na miña vida vagabunda, benqueridas amizades espalladas polo mundo, ilusión nas Palabras do Fausto, a vós ofrezo saudade algareira da infancia e segredos da carne neste coello, vida que xa foi e habita na lembranza.

PRELUDIO NO TEATRO
Tres focos iluminan tres pares de pés, os da Graciosa en patíns, os da autora con botas para andar e os da directora con zapatos deportivos. Os pés xesticulan mentres falan.

GRACIOSA.- Nada de verso, enredos coas palabras, enchen papeis e custan cartos. Todo espazo elimina caracteres.

DIRECTORA.- Algo foxe das mans cada día no teatro, non todo se pode controlar. Como cociñar, nunca hai xantar igual.

GRACIOSA.- Hoxe tenriño o coello, pode ser mañá vello para rillar.

AUTORA.- Escrita a obra, de min xa non depende.

GRACIOSA.- Que é moita man a que se mete na cazola.

AUTORA.- Se hoxe son catro, máis serán mañá para catalo.

DIRECTORA.- Que todo sexa novo, entretido e con sentido! Ben quixera compracer á xente. Vive e fai vivir.

AUTORA.- Non me faledes de público mimado e consentido. De masa sen cabeza que gusta do riso en troupeleo.

GRACIOSA.- Coidado de non esquecer a tolería! Este coelliño traeravos moita sorte é doado de servir e cociñar.

DIRECTORA.- Procuremos o desconcerto.

AUTORA.- Pois contentar é ben difícil.

GRACIOSA.- Viran. Para encheren o bandullo.

ESCURO

PRIMEIRA PARTE DA TRAXEDIA (NON ENTEIRA)

Luz. No centro unha cociña vitro, cun vertedoiro, á beira, unha mesa de madeira grande, onde estarán os ingredientes e todos os utensilios necesarios.
As personaxes entran falando e sitúanse detrás da mesa, para desde ela achegárense, cando cumpra, á cociña ou ao vertedoiro, para deixaren os utensilios ou colleren auga na billa.

CAROLINA.- Aquí lles traio este coello, xa en anacos, que a cociña non é feita paro o barro nin o espazo para bruxas lingoretas.

LOIS.- Na casa criado, morto e esfolado. Disto xa non queda. Non é bo participar do indecente negocio da carne no mercado.

HEGEN.- Tempos idos nos que a caza axudaba no equilibrio. Non hai ética e da pezoña contra o mundo, darán conta noutro acto Mefistófeles e mais o Fausto.

MARGARIDA.- Arredádeme dese castigo que fixo de min fermosa, decente, virtuosa e unha miga desdeñosa. Farta estou, eterno feminino, de turrar polos homes para o alto. Que aprendan a salvarse. Agora pico os allos a as seis noces machuco no morteiro.

HEGEN.- Lista e picada teño a cebola, vou meter dúas cuncas de arroz nesta perola, onde o aceite xa quentei cun dente de allo para tirarlle o rancio. Unhas voltas, fóra o allo, e cinco cuncas de auga boto, a cocer todo uns 14 minutos máis ou menos, para que non se pegue prémolle un limón.

CAROLINA.- Lume sempre lento. Na cazola xa en aceite e salgado, cando xa dourado vai, entra a cebola e o allo xa picados.

LOIS.- Debo ser eu, dandi baixiño, quen lle bote o viño e o loureiro, no seu tempo probarémolo de sal. Nesta outra tarteira a cocer en azucre e viño as reinetas. Cun pouco de canela e ollo de non se desfaceren.

HEGEN.- Libiamo! (Música do brinde de La Traviata. Cantan e como solistas Carolina e Lois.)

CAROLINA.- Só unha pinga de augardente coma rito e apago. O po das noces para botarlle por arriba ao coello.

MARGARIDA.- En cada prato, de arroz unha culler, do coello un anaco co seu mollo e unha reineta. E xa poden vir o Fausto e a súa leria.

LOIS.- Idealistas e escépticas.

HEGEN.- Estrelas fugaces e directoras de orquestra.

CAROLINA.- Chanceleiras e ministras.

ESCURO