Exitosa presentación do proxecto editorial Mar Maior en Buenos Aires

Categoría: Nova

Houbo que cambiar de sala para acoller a afluencia de público que asistiu á presentación do proxecto Mar Maior na Feira Internacional do Libro de Buenos Aires. Estaba prevista a Sala Villafañe e houbo que habilitar a Sala Leopoldo Lugones, con duascentas cincuenta localidades de aforamento. O noso libro máis vendido na feira está a ser estes día a "Historia de Galicia", en edición arxentina, de Ramón Villares.

Logo dun vídeo motivador de presentación, interviron no acto Xavier Alcalá, María Rosa Lojo, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero, todos eles autores do primeiro lanzamento de Mar Maior na Arxentina, xunto con Carlos Brandeiro, presidente de Mar Maior en Buenos Aires. Foron presentados por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia. Todos os intervintes insistiron na importancia dunha editorial galega que abre camiños cara ao exterior. Unha vocación universalista que pretende instalar autores e autoras da cultura galega nos circuítos exteriores do libro, moi especificamente neste caso na Arxentina. Para o mes de setembro están previstos os primeiros lanzamentos (catro) no portugués do Brasil.

"A cultura galega non é una cultura local" salientaron os participantes. E María Rosa Lojo, autora dun importante traballo sobre o imaxinario dos galegos en Buenos Aires, defendeu moi especialmente a necesidade de dar a coñecer non só a dimensión de traballadores honestos e honrados que caracteriza os galegos e as galegas, senón a dimensión creativa e intelectual dunha Galicia activa sen a cal non se pode entender historicamente a Arxentina. A figura de Luís Seoane, editor, artista plástico, xornalista, poeta, narrador, foi un dos referentes aos que se fixo reiterada alusión durante o acto.

Velaquí unha galería de imaxes do acto:

Fotos: O Muxo

Comparte nas túas redes sociais ou por email