Éxito de público na presentación de O FUTURO É POSIBLE

Categoría: Nova

Co gran salón do hotel Araguaney de Santiago de Compostela completamente cheo (máis de 400 persoas, moitas das cales tiveron que seguir o acto de pé) Emilio Pérez Touriño, expresidente da Xunta de Galicia, formulou o seu propio proxecto de futuro: ou se constrúe unha cultura común entre a socialdemocracia galeguista e o nacionalismo democrático ou difícilmente haberá alternativa á dereita nos próximos anos. Tal é a tese principal do seu libro "O futuro é posible. Retrato dun tempo de cambio. Galicia, 1998-2009" (colección Memoria), que aos poucos días de saír ás librerías xa está a preparar a segunda edición.
A aceptación do libro, tanto nos medios de comunicación como entre os lectores, dá conta do interese do debate que formula: ¿Cómo construir unha alternativa política á dereita (o Partido Popular) capaz de tomar a iniciativa e recuperar a hexemonía social en Galicia? ¿Cómo abordar "este desafío" (en palabras dunha persoa que interveu dende o público) nestes tempos de profunda crise?
O profesor Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago (Premio de ensaio Ramón Piñeiro, 2010), fixo unha primeira valoración do libro, que calificou como unha "reflexión dende a autocrítica para abordar os grandes desafíos que nestes momentos ten plantexados a democracia e, en gran medida, o estado de benestar que nace en Europa despois da Segunda Guerra Mundial e que na actualidade se ve seriamente ameazado polas propostas neoliberais".
Para Pérez Touriño a cuestión trascende a realidade galega, afecta a España e a Europa, que pode perder o seu protagonismo histórico se non revisa a fondo os comportamentos políticos actuais. "Cómpre unha política galeguista dende a socialdemocracia e unha política europeísta dende o galeguismo", advertiu o expresidente da Xunta, "para o que hai que reformular o funcionamento dos grandes partidos políticos con vocación de goberno". Segundo o autor de "O futuro é posible", que reivindicou as conquistas do goberno de coalición (PSdeG-BNG) que presidiu ata marzo do 2009, a socialdemocracia debe recuperar a iniciativa, reencontrándose coas súas bases e profundizando na idea federal dende o compromiso galeguista, mentres que o nacionalismo democrático, en palabras do expresidente, "deberá revisar os seus posicionamentos resistencialistas para asumir vocación de goberno". Mais confluindo un e outro, "porque a dereita segue sendo moi forte neste país, e sen esa alianza social, que hoxe é maioritaria, pero que non se concreta en votos, difícilmente poderemos presentar unha alternativa crible diante dos cidadáns".
"Non se trata dun libro de memorias", insistiu, "aínda que se revisen anos de actuación e de formulacións políticas, mesmo afrontando posibles erros, que seguramente tamén se cometeron. Trátase dunha proposta de futuro dende a reflexión sobre o pasado máis recente, pois non se pode pensar en futuro sen a memoria do que fixemos, reivindicando sen complexos as conquistas sociais e políticas, que foron moitas, e corrixindo posibles erros para avanzar".

Comparte nas túas redes sociais ou por email