Presentación de “Castelao. Construtor da nación”, Tomo II e III, en Compostela

Categoría: Nova

O mércores 23 de febreiro, celebrarase, ás 19 h, no Museo do Pobo Galego, a presentación de Castelao. Construtor da nación, Tomo II e Tomo III, de Miguel Anxo Seixas Seoane.
Acompañando o autor, asistirán o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do Consorcio, Juan Conde; o director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi.
Miguel Anxo Seixas Seoane asina o terceiro e derrairo tomo dunha biografía monumental, concibida case como un diario da vida cotiá de Castelao cos fitos da súa cronoloxía persoal e pública narrados a carón da actualidade da época.
Logo do éxito acadado con Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, Premio Gala do Libro á Iniciativa Bibliográfica 2020, Premio da Crítica de Galicia 2020, e Castelao. Construtor da nación. Tomo II. 1931-1939, Premio da Crítica de Galicia 2021,  Seixas Seoane volve a sorprendernos coa publicación deste derradeiro tomo, que pon fin ao maior proxecto de documentación sobre unha das figuras máis importantes da cultura galega.
Este é o resultado de anos de investigación e recollida de datos e documentación sobre a vida e obra de Castelao: o meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar aos galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.
Seixas recolle ademais todo o material “invisible” de Castelao, o que estaba en mans privadas e era case descoñecido, neste terceiro tomo da obra biográfica cuxas máis de 1000 páxinas completan un puzzle que ninguén chegara a rematar antes. Desde a obtención do permiso de residencia na Arxentina e a publicación de Sempre en Galiza ao seu papel como ministro do goberno da Republica no exilio, tamén o Castelao artista, con A derradeira leición do mestre, e as súas viaxes a México e Nova York.
Esta triloxía biográfica nace coa intención de situar a Castelao no seu contexto, na súa relación co mundo, intentando dar continuidade ao seu legado e concienciando da necesidade de loitar contra a inxustiza. Seixas Seoane deita no papel toda a súa paixón pola busca do pormenor significativo, o seu rigor na comprobación e descuberta de aspectos ignorados ou esquecidos e o gusto por rexistrar os pasos e a obra de quen foi unha das personalidades fundamentais na construción da nación galega no século XX.

Comparte nas túas redes sociais ou por email