Eva Lozano

Categoría: Recensión

Sempre que Francisco publica un novo libro os seus lectores temos algo que celebrar. Teremos, unha vez máis, a sorte de deleitarnos cunha das súas historias, aquelas que escribe directamente para nós, para aquel ser común que todos levamos dentro e que esperta cando lemos as súas palabras. Chéganos á alma porque escribe dende a súa, sen artificios, directamente, con aquel estilo propio que o caracteriza, que só un mestre de escritores é quen de inventar, e de facer propio para sempre.

O segredo de Marco Polo supón, unha vez máis, a consecución desta meta: enganchámonos á historia de Marco, un personaxe tristeiro e melancólico cun mundo interior moi afastado da rutina que lle tocou vivir, que quere, pero non pode, fuxir dun destino que alguén lle escribiu sen consultarllo. Un home namorado de quen non debe, obsesionado por ese amor que lle profesa a aquela moza na distancia, aquela que non sabe nin que existe, que pertence a outro mundo, tan diferente ao seu.

Tamén é a historia da procura das verdades que nunca lle contaron: as verdades sobre o que existe alén das súas fronteiras, aquelas terras tan descoñecidas naquel afastado século XIII, terras ricas, máxicas, terras de aventuras e novas oportunidades… Pero é tamén a procura das verdades máis íntimas, que cambiarán a súa vida para sempre.

Unha fermosa lectura altamente recomendable: un libro que nos fala do amor máis puro e dos soños que todos temos e nunca deberiamos esquecer. Todo nesta vida é real, mesmo eses soños…

Comparte nas túas redes sociais ou por email