Logo dunha lectura rápida do libro A poesía necesaria, de Antonio García Teijeiro, e por apresar algo do que nel se di, escribín unhas cantas ideas nun papel:
– Libro cheo de amor pola esencia do que nos distingue como seres humanos: a linguaxe.
– Libro ateigado de propostas didácticas para espertar e cultivar a sensibilidade poética.
– O importante é experimentar coas palabras e xogar con elas.
A poesía non se ensina, contáxiase.
Pasados algúns días, lin máis sosegadamente este libro, e entón sorpréndome ao ver que iso que eu anotei de forma pouco atractiva estaba marabillosamente expresado no libro. Así, reparo nunha cita de Paco Martín onde fala da "linguaxe como a máis alta construción do home como ser intelixente". Ao comezo do libro subliño "non debemos tentar explicarlles poemas aos nosos alumnos, nin enlealos con tecnicismos", e repite isto de moitas e bonitas formas. Ao comezo tamén fala de "xogar coa poesía e perderlle o medo" como un obxectivo primordial do libro. Ademais, está cheo de atractivas e prácticas propostas de actividades ou detonantes que nos axudarán a perderlle o medo e xogar coa poesía.
Entón doume conta que en realidade o libro para min é como atopar por escrito aquilo que eu quixera expresar e nunca souben ben como facelo. Algo así como noutra cita di Orhan Pamuk: "Falar de cousas que todo o mundo sabe pero que non sabe que sabe", e cando as ves por escrito tan ben expresadas sénteste aliviado.
Un libro, pois, moi ben pensado e útil para todos, e especialmente para quen ten a profesión de ensinante. Pero, ¿útil ata o punto de ser necesario?
Este libro é só unha ferramenta, iso si, unha boa ferramenta para traballar a poesía, que é unha forma lúdica de experimentar coa linguaxe. E como estamos de acordo en que non hai nada máis propio que a linguaxe para sentirnos seres humanos plenos e libres, podemos concluír, sen medo a equivocarnos que, a escrita, en xeral, e a poesía, en particular, son necesarias.
Escribir é bo para o equilibrio emocional. Esta afirmación vémola confirmada cada vez máis e de diferentes maneiras. Cando ocorreu o suceso das torres xemelgas de Nova York e había miles de persoas traumatizadas directa ou indirectamente polo atentado, os psicólogos, desbordados, recomendaban que escribisen as súas experiencias. Na práctica educativa, Erin Gruwel, unha profesora de instituto, experimentou con recoñecido éxito estes efectos beneficiosos da escritura, do que deixou constancia nun bonito libro Freedom Writers (Diarios da rúa), unha película,Os escritores da liberdade, e contaxiou a moitos profesores que se constituíron en asociación, "Freedom Writer Teachers". A película Precious conta a historia dunha adolescente con obesidade mórbida vítima de toda clase de abusos. Para axudala a superar o seu pasado penoso, a súa profesora de ensinanza especial insiste case exclusivamente nunha cousa: ¡Escribe!
Se queremos sementar o interese pola poesía, ¿cal será o terreo máis fértil?
Antonio García Teijeiro teno claro, os nenos de Educación Primaria e Secundaria. E non se equivoca. A psicoloxía evolutiva está continuamente recordándonos que o cerebro é moi plástico e permeable ás aprendizaxes mentres este está en período de crecemento.
¿Cal é a mellor maneira de ensinar a poesía? A poesía non se ensina, dinos o autor, senón que se filtra. Isto é como dicir que aprendemos por observación.
Aprender por observación é un modelo de aprendizaxe descrito descuberto por A. Bandura. Este é un modelo pouco coñecido, pero abundantemente estudado e descrito pola psicoloxía. Dinos simplemente que aprendemos cando observamos a conduta das demais persoas. Estas persoas serven de referencia e chámaselles modelos: pais, profesores, actores deportistas. Deles aprendemos, aínda que isto ocorra de forma pouco consciente.
Esta é a forma elixida polo autor do libro para contaxiar a poesía, en verdade, unha forma eficaz para o caso; e, senón, pensemos nalgúns feitos relacionados sorprendentes: o neno no seu primeiro ano de vida xa pilla o acento da lingua materna, aos dous anos comeza a dicir palabras e aos tres a súa fala xa é comprensible incluso para descoñecidos. O neno aprende por imitación, porque ten modelos de quen aprender. Isto é así porque sabemos que, se o neno se criase sen estes modelos, con animais, por exemplo, non sería quen de falar en absoluto.
Fago estas reflexións para, dende a perspectiva psicolóxica, afondar no valor deste pequeno libro que é unha xoia.