O vindeiro luns, a cociñeira e autora do libro 'Cociñar con algas', Eva Crespo, realizará dous "showcooking", con maridaxe de viño galego incluído, preparando, en directo para todos os que se acheguen polo Fórum Metropolitano, algúns dos pratos con algas presentes no seu libro editado por Galaxia e seleccionado, xunto con 'A cociña dos Cunqueiro' de Elvira González-Seco Seoane, como dous dos libros de cociña mellor editados do mundo nos prestixiosos Gourmand Cookbook Awards que se fallarán no vindeiro mes de Maio en Beijing.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto 'Galicia Punto Tres', unha actividade posta a andar conxuntamente por Servino Consulting, Editorial Galaxia e Grupo Chicolino.
O Fórum Gastronómico da Coruña contará cun espazo de maridaxes galego ao cento por cento. Galicia.3 é un proxecto que conxuga sensibilidades importantes da enogastronomía galega, da restauración e da edición.
Galicia.3 pivota sobre tres libros editados en Galicia e que acaban de ser nominados nos Gourmand World Cookbook Awards como os mellores libros de Viños e Gastronomía editados en España en 2013.
‘A Guía dos Viños de Galicia’, de Luís Paadín; ‘Cociñar con Algas’, de Eva Crespo e ‘A Cociña dos Cunqueiro’, de Elvira González-Seco Seoane estarán ondeando no Pavillón de Galicia na máis importante feira do mundo no mercado dos dereitos de traducción de libros de Viño, Gastronomía e Turismo, a Beijing Cookbook Fair que se celebrará na capital chinesa entre o 19 e o 24 do vindeiro mes de Maio.

Galicia-A Coruña coma Punto de Saída

O Fórum Gastronómico da Coruña (23 a 25 de febreiro) servirá para iniciar este proxecto que conxuga os esforzos de Servino Consulting e Editorial Galaxia, empresas editoras dos libros de referencia co do experimentado Grupo Chicolino na súa división de restauración.
O luns 24 (en horario de mañá e tarde; de 12 a 14 e de 17 a 19h.) Eva Crespo preparará algunha das 80 receitas que figuran no seu libro ‘Cociñar con Algas’. Os pratos estarán maridados cos Viños Galegos que Luís Paadín seleccionará entre os mellores da súa ‘Guía de Viños de Galicia’. O mesmo fará Miguel Mosteiro, cociñeiro xefe do Grupo Chicolino, preparando algún das receitas de ‘A Cociña dos Cunqueiro’, unha selección de receitas dos 10 libros de cociña que Elvira González-Seco Seoane (a dona de Álvaro Cunqueiro) legou ao seu fillo César; estes pratos maridarán tamén cos Viños de Galicia que Luis Paadín elixa para a ocasión.
Os libros poderanse mercar no estand que Galicia.3 terá no Fórum. O luns 24, Eva Crespo e Luis Paadín firmarán exemplares das súas obras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR