Esta noite unha cantiga de berce anunciaba o meu sono, era o cantar do tren en Ingelheim am Rhein, un tren que te pode levar pola beira do río ás beiras doutros ríos, que te conecta cun aeroporto que é unha cidade, desde a que chegas ao mundo, un tren que te leva a outros trens máis rápidos, un tren que se pode deter en todas as estacións do camiño, moitas delas restauradas como vivendas. É bonito vivir nunha estación de tren! Ao ruído solitario que se converte no reloxo que te marca as horas afaste, isto é o que me di a miña amiga Anke. Esta cantiga de berce lévame os meus primeiros días de vida en Ameirolongo, un bater en fuga que sempre me pareceu progreso. Un bater con asubío que se aínda hoxe se sente en Mosende, cando avanza contra O Porriño, prognostica que vai vir chuvia. O tren é unha becha singular que nos foi acompañando con seu troupelear anos na cidade de Tui, un concello con tres estacións, a de Guillarei, a única que se mantén con saúde, e desde a que cheguei a Irún, a París, a Luxemburgo e a Tréveris, destino final que acadaba con todos os sentidos non como cando viaxo en avión que precisan máis tempo e chegan máis tarde. O importante é a viaxe, esa viaxe fermosa que nos leva tamén pola beira do Miño, de Tui a Ourense, e que empata co Sil se queremos ir máis lonxe. Non se despisten apañen este tren, poida que tamén lle quede pouco de vida! Que triste é que o tren xa pase de longo pola estación de Caldelas! E cando choro ao constatar o abandono desas estacións nas que xa non sei se poderei parar: Salvaterra do Miño, Arbo, Pousa-Crecente, Frieira, Filgueira, unha noticia entristéceme e indígname aínda máis: a supresión da liña Oporto-Vigo. Déixannos sen conexión ferroviaria con Portugal. Seica só até o domingo poderán montar no tren na estación de Tui e chegaren até Valença e atravesar no tramo a fermosa ponte de ferro que xa ten cento vinte e cinco anos, só até domingo e nunca máis. A cantiga de berce fúndeme triste nun pesadelo o do día que perdemos o tren, que xa non vai parar, que xa non vai pasar. Un pesadelo que traza unha viaxe que xa non poderá ser por aldeas, vilas e cidades fantasmas…. Se non facemos nada por evitalo xa somos nós fantasmas, espectros nos nosos propios pesadelos. Eu non quero perder o tren!
(foto de Enrique Maté)