Estrea en Ourense da obra de Carlos Casares 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'

Categoría: Nova

Dirixida por José Caldas, estrearase no Teatro Principal. hoxe ás 20.30 h., o clásico de Carlos Casares, 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas', nunha montaxe do Centro Dramático Galego.
Considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural 'O Facho', As laranxas máis laranxas de todas as laranxas foi a obra escollida polo CDG para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou notable éxito de público.

Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era "un disparate continuo de movemento e fantasía". Herdeira do nonsense e do surrealismo, provoca a risa e induce curiosidade e expectación, sentimentos que van pouco a pouco aumentando na medida en que se amorean os acontecementos. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade.

Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas, pero divertidas, protagonizadas polo donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo ou Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo ou a galiña Petra.

O director escénico, Jose Caldas, e o director musical, Bernardo Martínez, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o CDG, deseñaron un espectáculo no que se integra o conto de Casares A galiña azul, así como textos doutras obras súas para compoñer as letras das cancións que interpretan en directo os seis actores que conforman o elenco.

Comparte nas túas redes sociais ou por email