A escritora Fina Casalderrey (que non puido recoller o premio en persoa pero delegou en Dolores Vilavedra a recepeción do mesmo e a lectura dun seu texto no que, entre outras cousas, instou a aplicar o Plan de Normalización Lingüística), e o director de A Esmorga (coproducida pola nosa Editorial), Ignacio Vilar, foron algúns dos galardoados cos Premios da Cultura Galega que onte se entregaron en Santiago.
Os premios recoñecen a traxectoria da escritora Fina Casalderrey, do debuxante Miguelanxo Prado, da actriz María Bouzas, do cineasta Ignacio Vilar, do Real Coro Toxos e Froles, da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e da investigadora Kathleen Nora March.
Este galardóns, convocados pola Xunta de Galicia, recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da nosa cultura.
Na modalidade de Letras, a premiada foi a escritora Fina Casalderrey, cunha traxectoria profesional vinculada á literatura infantil e xuvenil que se traduce en máis de 50 títulos. Mestra de profesión, esta autora conta cun importante recoñecemento por parte do público que lle outorgou numerosos galardóns, entre os que destacan o Premio Merlín 1991, o Barco de Vapor 1994, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 e o Álvaro Cunqueiro en 1999, entre outros. Tamén foi recoñecida coa Medalla Castelao en 2003. A súa obra, que destaca polo coidado no uso do idioma e o manexo de diferentes rexistros, foi traducida a varias linguas como o español, o inglés, o italiano, o francés, o portugués, o catalán, o éuscaro, o coreano ou o bretón.
Na categoría de Audiovisual o premio recaeu este ano no cineasta Ignacio Vilar. Tras as primeiras experiencias audiovisuais en Barcelona, no regreso a Galicia monta a produtora Vía Láctea Filmes, coa que crea curtas en 35mm, documentais e series documentais para televisión. Posteriormente pásase á longametraxe e dirixe os filmes Ilegal (2001), Un bosque de música (2003), Pradolongo (2007), Vilamor (2011) e A esmorga (2014). Esta última obtivo unha grande acollida de éxito de público e crítica, logrou estrearse no resto de España e bater o récord de carteleira de 12 semanas. Con 16 nomeamentos dos premios Mestre Mateo 2014, foi tamén candidata aos Premios Goya 2015 na categoría de mellor guión adaptado. O director ourensán, con filmes exitosos rodados en lingua galega, atópase gravando a súa nova longametraxe, que levará como título Sicixia.