Eloxio da imperfección

Categoría: Opinión

Sen causa xustificada, hai un par de semanas, dei en coller dun andel da miña biblioteca un pequeno volume de Austral, a célebre colección da editorial Espasa-Calpe: Conversaciones con Francisco Ayala, escrito por Rosario Hiriart, dilixente e debota alumna súa de orixe cubana, logo brillante profesora nos EUA.
O libro, unha primeira edición de 1982, gardaba a promesa de coñecer a un Ayala que viña de cumplir 75 anos, e de confrontar aquela realidade lonxana coa nova dun escritor que xa pasou a centena. O índice anunciaba unha introdución e, catro páxinas despois, unha cronoloxía do escritor e a súa obra, utilísima antes de entrar en fariña. Pero a cronoloxía non estaba na páxina13 senon na páxina 147. Non era un erro de encadernación pois o volume estaba ben numerado.
Xa chegando á metade do libro, advertín que faltaba unha folla, a que contiña as páxinas 83 e 84, que me privaba da opinión do escritor sobre a importancia da experiencia persoal na literatura, e na súa obra en especial: Esos recuerdos tienen un carácter muy conmovedor (p, 82) [      ] nión.Alrededor de su pregunta especulábamos…(p. 85).
O fallo tiña unha causa máis prosaica que o pequeno inconveniente anterior: o desprendemento da folla nalgún momento dende a librería á miña casa, algo que puido suceder entre 1984, data de compra do libro, e 2009, momento da advertencia da falta. Espacialmente estaría ubicado entre Madrid e Vigo, con posibles buratos en Ourense, Santiago e Nigrán.
Agora estou obrigado a resolver o enigma das dúas páxinas, do seu contido, pois hai un enorme baleiro nese mínimo espazo.Tamén teño que aclarar o misterio da desubicación da cronoloxía. Manterase noutras edicións ou será unha característica única desta primeira? Fun compensado pola fortuna cun exemplar valioso para distraerme do vértigo diante da sima?
O caso é que nos próximos meses andarei polas bibliotecas á procura doutros exemplares deste libro. Buscarei referencias na internet, molestarei aos amigos, alegrarei aos meus inimigos, divertirei tertulias. Seica aprenderei máis grazas a esta imperfección editorial que se tivese o libro íntegro e perfecto. Non podo imaxinar a que mundos nos levará a imperfección nos libros electrónicos, que contactos nos permitirá, a que viaxes nos obrigará.

Comparte nas túas redes sociais ou por email