A semana que vén estará dispoñible nas librarías de todo o país o libro ANTES MOLABAMOS MÁIS, publicado por Editorial Galaxia e que repasa a traxectoria ao longo de dúas décadas dunha das marcas máis potentes e coñecidas do noso país: reizentolo. A publicación, en tapa dura e case 250 páxinas, aparece cun deseño rachador, dinámico e vangardista, tamén iconoclasta, como corresponde ao “espírito zentolo”. O libro, no que participan destacadas sinaturas da arte e o deseño galego, non deixa un só deseño atrás, co cal o libro reproduce a totalidade das propostas postas á venda durante estes 20 anos, xa non só nas camisetas, senón noutro tipo de prendas, así como en carteis de festas, ou deseños industriais de todo tipo.
A publicación revisa a produción e o impacto desta marca e faino dende un planteamento divertido e retranqueiro, como ten que ser cando dos “zentolos” falamos. No libro escriben, entre outros, Anxo Angueira, Xurxo Souto, Francisco Castro, Óscar Sendón, Kiko da Silva, Alberto Ruiz de Samaniego, Diana López Varela, David Amor, Ana Cabaleiro, Inma López Silva, Marilar Aleixandre ou Mercedes Corbillón.
O libro convértese nunha apaixonante viaxe dende aquel afastado 2003 no que un grupo de amigos deseñadores soñan un proxecto que, 20 anos despois, é un referente en Galicia e no conxunto do estado pola orixinalidade, retranca e calidade artística dos seus deseños.
Este libro conta a súa historia. E o propio libro é un exemplo de deseño zentolo.