A Editorial Galaxia presenta un novo volume da súa colección de Novela Gráfica: a épica travesía do navío L’Épée dende Brest a badía do Hudson narrada coa mestría dos clásicos por Xavier Queipo en O paso do Nooeste, Premio García Barros, 1996, agora adaptada ao cómic polo debuxante Primitivo Marcos.
O periplo desta expedición científica que procura polo mítico Paso do Noroeste convértese nun relato clásico de aventuras, treboadas, esquimós, monstros mariños, frío, penurias, naufraxios, pero tamén en algo máis, o choque das novas ideas ilustradas republicanas coas do Antigo Réxime e a propia viaxe interior do seu protagonista o capitán Duchesnoy.
O debuxante Primitivo Marcos pon en imaxes esta aventura transoceánica co pulso firme e a mestría dos clásicos do cómic franco-belga como Herge, Jacobs ou Bouergeon. Un traballo minucioso e detallado en que barcos, maromas, velames, o mar bravo e a flora e a fauna destas terras incógnitas son ilustradas coa precisa mestría da súa plumiña.
En fin, unha viaxe digna de ler e desfrutar, na que ademais queda perfectamente retratada a condición humana ante as circunstancias tan adversas como as longas travesías oceánicas do século XVIII. Así que, vento nas velas! Levantemos áncoras!