Mañá, xoves 13 de xullo, comezará a Feira do Libro de Ponteareas, a novena nesta nova edición, que estará aberta ata o domingo 16 de xullo. Celebrarase nos xardíns da Xiralda.
Editorial Galaxia estará presente cunha programación para todos os públicos:
Xoves 13 de xullo, ás 18 h. Espectáculo musical con Pakolas: A Ramona pequena vai á lúa.
Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a Lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites con nós nesta nova aventura rockeira!
O LibroQR que recolle o conto da pequena Ramona Órbita, e as letras das 10 novas cancións de Pakolas, conta ademais cunhas fermosas ilustracións de Laura Romero, que de seguro farán as delicias dos máis cativos.
Sábado 15 de xullo, ás 20 h. Sinatura arredor de A batalla de Rande, con David Braña, e o ilustrador Pablo Prado. Caseta da libraría Ledo.
Os autores dan forma, da maneira máis orixinal, a unha batalla mítica, que xa forma parte do imaxinario persoal e colectivo de todas e todos os galegos. A través dunha investigación previa e documentación minuciosa, o dúo Braña e Prado conseguen trasmitir, con todo luxo de detalles, un dos feitos históricos máis relevantes da historia naval galega.
Domingo 16 de xullo, ás 18 h. Presentación de Os ollos do irmán eterno, de Stefan Zweig, adaptado por Borja Diérez.
Acompañando o autor, estará o escritor Manrique Fernández.
Editorial Galaxia trae ao galego a novela do austríaco Stefan Zweig, un clásico da literatura, que xa está dispoñible en formato banda deseñada.
Este libro amosa que as decisións acertadas nacen de sintonizarnos co noso corazón. Escoitar o seu silencio como un mandato fronte ás mil voces do mundo, denota a presenza dunha intelixencia que nos conducirá inevitablemente, de ser mantida coa forza da vontade, á sabedoría. A unha paz cimentada no valor da coherencia entre pensamento e actos.
Ás 20 h. Presentación de Manuel de Castro, Handicap. Crónica dunha paixón, de Adrián Estévez.
Acompañando o autor, estará o escritor Kiko Neves.
Un libro que estuda minuciosamente a figura do xornalista, árbitro de fútbol, seleccionador nacional e galego, e dirixente federativo: Manuel de Castro González, Handicap (Vigo, 1885-1944). Un dos primeiros periodistas deportivos de fama nacional, cronista nas olimpíadas (Antuerpen, París e Ámsterdam) e un dos artífices do nacemento en 1923 do Real Club Celta de Vigo, tras a fusión do Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo.
Vémonos na feira!