Dez escritoras galegas unidas nun berro de Igualdade.

Estes días chegará ás librarías de todo o país un libro asinado por dez autoras de primeiro nivel das nosas letras ás que a Editorial Galaxia chamou para reflexionar, dende a Literatura, arredor de cuestións relacionadas coa Igualdade, o terrorismo machista, a violencia patriarcal e o dereito, dunha vez e por todas, de vivir en liberdade e sen medos. Para desenvolver esta idea chamouse a Anxos Sumai, Berta Dávila, Charo Pita, Elisabeth Oliveira, Esther F. Carrodeguas, María Canosa, María López Sández, María Xosé Porteiro, Mercedes Queixas e Paula Carballeira, dez narradoras de ámbitos creativos moi distintos pero que plasman, cada unha ao seu xeito, a dureza da cuestión para facernos reflexionar dende historias protagonizadas por mulleres atrapadas, mulleres que se liberan, mulleres que loitan, mulleres que din non. Mulleres.

Libres e vivas é un libro pero é tamén dez berros de liberdade.
A partir da semana que vén estará nas librarías de toda Galicia á espera dese diálogo fecundo que sempre se establece coas lectoras e os lectores comprometidos.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR