Editorial Galaxia presentou o número 170 da revista Grial, "Memoria do 36"

Categoría: Nova

Grial. Memoria do 36 propón unha reflexión sobre a memoria e a relación que a sociedade mantén co seu pasado.

Falar da memoria é falar dun territorio común que se constrúe no tempo, do diálogo que a sociedade mantén co seu pasado e que formula non dun xeito inocou, tampouco inocente, senón con intención e consciencia, proxectándoo dende atrás cara ao futuro. "Un pobo sen memoria é un pobo enfermo", advirte Dionisia López nas páxinas deste número, falando da experiencia das Madres de la Plaza de Mayo na Arxentina. Sen memoria consciente, crítica, asumida e reflexionada, non hai futuro.

Durante anos, os homes e as mulleres deste país, recibiron unha información sesgada, ao servizo dos intereses dun único bando, o dos triunfadores, que configuraron desa maneira o universo emocional e simbólico de varias xeracións. A represión foi tan dura, a experiencia tan tráxica que ninguén librou das consecuencias. As marcas do medo arraizáronse profundamente no ADN colectivo. Medo a falar e medo a coñecer. Medo a saber e medo a transmitir a información.

O número 163 da revista Grial titulámolo "A guerra contra a cultura, 1936". Daquela adiantabamos algunhas cuestións que, ampliadas, constitúen a base desta nova entrega temática: "Memoria do 36", coordinada polo profesor Lourenzo Fernández Prieto. A memoria daqueles anos, a súa significación na construción do noso imaxinario colectivo, obrigado a dialogar necesariamente co pasado, son abordadas por un conxunto selecto de especialistas: Michael Richards, Ana Cabana, José María Cardesín, Ricardo Gurriarán Rodríguez e X. M. Núñez Seixas, ademais do citado Fernández Prieto. Non hai diálogo fértil se non é un diálogo informado, crítico, reflexionado, documentado e compartido.

No acto de presentación deste número 170 da revista Grial interviron Lourenzo Fernández Prieto, coordinador deste número e Vicerreitor de Relacións Institucionais da USC, Ramón Villares, coordinador da área de Historia da revista e Presidente do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, coordinadora da área de Literatura e profesora de literatura galega na facultade de Filoloxía da USC e Víctor F. Freixanes, director da revista e director xeral de Editorial Galaxia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email