A Editorial Galaxia estará na Festa dos Libros 2021

Categoría: Nova

Este venres 2 de xullo dá comezo a Festa dos Libros de Pontevedra, unha cita moi agardada para os amantes da literatura, na que estará presente a Editorial Galaxia.  Será un encontro moi especial no que terá lugar un catálogo moi variado de actividades apoiadas pola editorial, para todas e todos.

A praza da Ferraría acolle esta fin de semana, entre o venres e o domingo, a cuarta edición desta Festa, organizada polo Concello en colaboración con catorce librarías da Boa Vila.

Abriremos a Festa coa sinatura da ilustradora Abi Castillo, ás 18:30 h, na caseta da librería Seijas, arredor do álbum “Alba”, de Helena Villar Janeiro. Ás 21:30 h, poderedes achegarvos á caseta da libraría Paz, na que estará asinando a gañadora do Premio Illa Nova 2020, Lara Dopazo Ruibal, a súa obra “O axolote e outros contos de bestas e agua”.

Para rematar o día, celébrase unha conversa, ás 21:30 h, coas escritoras Ana Cabaleiro, Lara Dopazo Ruibal e Sara Vila, que leva por título “De xornalismo a literatura”. De profesión xornalistas, estas autoras contarán ao público que foi o que as animou a dar o salto ao literatura.

O sábado 3 de xullo comezamos, ás 18:30 h, cunha presentación dos libros “Alba” e “A fuga de Guillermo”, de Helena Villar Janeiro.

Acompañando a autora, asistirán Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, e a ilustradora Abi Castillo.

Para todas as persoas interesadas en ter o seu exemplar asinado, Villar Janeiro estará, ás 20:00 h, na caseta da libraría Escolma. 

Ás 18:30 h celebrarase, na caseta da libraría Seijas, unha sinatura con Tamara Andrés e Marcos Viso arredor do seu proxecto conxunto “Distancias”, unha fermosa sinerxia poética.

A escritora Inma López Silva estará presente, ás 19:30 h, falando de “O libro da filla”, título co que vén de gañar o prestixioso Premio da Crítica 2020 na categoría de narrativa en lingua galega.

Acompañando a autora, presentará o libro Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.

Ás 20:00 h celebrarase, unha sinatura arredor deste título e “Tantos anos de silencio”, de Francisco Castro, na caseta da libraría Cronopios.

No mesmo espazo, estará Berta Dávila asinando “Illa Decepción”, Premio Repsol 2020, ás 19:00 h.

Máis tarde, ás 20:00 h, asistirá xunto con Xesús Fraga, Montse Fajardo e Xabier Quiroga, a unha conversa que leva por título “Literatura e memoria”.

Conducirá o acto a xornalista Susana Pedreira.

Por último, pechando a Festa o domingo, celebraranse diversas sinaturas arredor de títulos como “Humanario”, de Pilar García Rego, ás 11 h, na caseta da libraría Escolma; ás 18:00 h, “A vida secreta de Úrsula Bas”, de Arantza Portabales, no espazo de Cronopios; ou ás 19:30 h “Identidade”, con Nee Barros Fernández, na caseta da libraría Espazo Lector.

“Palabras que latexan” é un encontro no que estará Pilar García Rego, xunto con Lorena Conde e Alejandro Palomas mantendo unha conversa arredor da verba. Conducirá o acto a poeta Tamara Andrés.

Para rematar, ás 20:00 h celebrarase unha conversa entre os escritores Arantza Portabales, Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo e Manel Loureiro, que leva por título Galicia, escenario de novela negra.

Agardámosvos nesta festa diversa e necesaria da palabra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email