Invitado polas universidades de Fordham (Nova York), CUNY (universidade pública) e Hofstra (Long Island), o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, está a impartir unha serie de conferencias nestes centros universitarios norteamericanos. Na CUNY impartirá ademais un curso de literatura galega contemporánea. Nas outras dúas, universidades privadas, falou de Galicia, da literatura e a lingua.
Na universidade de Hofstra, a profesora Benita Sampedro presentou ao conferenciante, quen falou de Galicia e da súa literatura facendo fincapé especial nas necesarias estratexias de proxección exterior que as nosas letras precisan. Proxección exterior que debe afrontar a administración e as extratexias políticas da cultura galega, mais tamén a iniciativa privada (editoras, asociacións de escritores, asociacións profesionais, etc) a prol de difundir a Galicia moderna no mundo. As universidades son plataformas fundamentais para dar a coñecer o prestixio dunha literatura que aspira a competir coas literaturas todas, sen complexos. "Igual que traducimos ao galego a Paul Auster ou a Martin Amis, aspiramos a que os nosos autores sexan traducidos tamén á lingua inglesa e poidan estar presentes nos circuitos da edición norteamericana", explicou.
En Fordhman, invitado polo departamento de Literaturas Modernas e polo profesor Rafael Lamas (na foto que encabeza estas liñas), Freixanes falou especialmente da revista GRIAL, á que están subscritas na actualidade 57 universidades uUSA, a través das áreas de literaturas hispánicas e a lusofonía.
"A revista GRIAL, fundada en 1951 e que mantén a súa continuidade dende o ano 1963, naceu como plataforma de difusión da nosa cultura no mundo, conectada con profesores e intelectuais das universidades extranxeiras, nas que mantivo e mantén colaboradores estables. Durante varias décadas foi unha porta aberta á modernidade. Hoxe aspira a manter esa canle de difusión e colaboración, con novas formas e novas estratexias de comunicación". .
Os profesores Jose del Valle e Nuria Morgado serán os anfitrións do director de Editorial Galaxia na CUNY, universidade pública de Nova York, onde impartirá un curso de literatura galega contemporánea na semana do 27 de setembro ao 1 de outubro.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR