Celebramos o 50 aniversario de “A esmorga” cunha Edición Conmemorativa

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia celebra o 50 aniversario da publicación da primeira edición de A esmorga no seu catálogo cunha Edición Conmemorativa ilustrada por Diego Estebo.
Xa nas librerías de toda Galicia.
A Esmorga publicouse por Editorial Galaxia en 1970, despois dunha primeira impresión na Arxentina en 1959, debido ás dificultades que presentaba a censura franquista para a súa saída en Galicia. Decontado, a novela converteuse nunha obra de referencia da literatura galega contemporánea.
Co gallo dos cincuenta anos da súa aparición en Galicia, e en Galaxia, presentámola enriquecida coa obra de Diego Estebo, un dos ilustradores con máis proxección da nosa terra.
Esta edición inicia a Colección Xohán Ledo, que quere lembrar e honrar o deseñador que marcou a liña gráfica das primeiras décadas de Galaxia.
Eduardo Blanco Amor (Ourense 1897-Vigo 1979). A produción literaria de Blanco Amor comezou coa publicación de Romances Galegos (1928). A principios dos anos trinta entra en contacto con Castelao e con outros membros do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Escribe Poema en catro tempos (1931) e desde Bos Aires colabora coa revista Nós.
Foi ademais o fundador e director do Teatro Popular Galego (1957). Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que será nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega, e xa en Galicia leva ao prelo Os biosbardos (1962). Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para títeres e Teatro pra a xente).
Diego Estebo (Barcelona, 1982). Formouse como deseñador e ilustrador en Vigo e na Coruña. Interesado en explorar as interseccións entre as distintas disciplinas, combina ambas as facetas durante anos en que traballa como freelance, así como en estudios e axencias. No ano 2016 comeza o proxecto Códigos (asinado como Tebo), que o leva a desenvolver e expoñer a súa obra na India, Bolivia, A Arxentina e Italia, lugares onde busca sintetizar unha linguaxe gráfica e persoal cos trazos de identidade locais. As súas colaboracións como ilustrador espállanse por distintas revistas e editoriais, das que Luzes, Principia, Xordica e Galaxia son as máis recentes.

Comparte nas túas redes sociais ou por email