Escoller onde buscar

A Editorial Galaxia celebra 70 anos

Categoría: Nova

O pasado 25 de xullo de 2020, cúmprense 70 anos dende que se celebrou, no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional de Editorial Galaxia. Quen estaban alí albergaban un soño común, case imposible a ollos da época, pero que o tempo, 70 anos despois, demostrou a forza e o compromiso, individual e colectivo, co se creou a Editorial Galaxia.
Naceu inspirada no espírito da xeración Nós, que este ano celebra o seu centenario, poñendo sempre a Galicia e a nosa lingua, como a súa razón de ser.
Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o “patriarca das letras”, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista, configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil. Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que dende o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galegas, nos tempos difíciles da ditadura.
Son só algúns dos nomes das personalidades que participaron para erixir este proxecto, que sempre entendeu a editorial como unha casa común para a cultura galega, ao servizo do país. Valores que seguen sendo a nosa razón de ser e que, incorporados aos tempos actuais, permanecen vixentes na editorial.
Nun contexto de globalización, hoxe, é máis importante que nunca defender a nosa cultura, tendo sempre claro que a diferenza é o que fai a riqueza. Isto xa o sabía Castelao, cando nos debuxou nas súas viñetas de NÓS, cando describiu a nosa realidade en Cousas, ou cando mostrou que, a pesar de emigrar, o seu corazón estaría Sempre en Galiza. Álvaro Cunqueiro tamén fala de Xente de aquí e dacolá, de Merlín e familia, enchendo todo de maxia. Xohana Torres, que dende que dixo Eu tamén navegar, non deixou de facelo, e sempre en galego.
Máis que unha empresa é un proxecto de futuro que se fundamenta no noso compromiso coa lingua e a cultura galegas. O noso catálogo está cargado de clásicos, novidades, traducións da literatura universal e éxitos internacionais.s
Os seus fundadores estarán brindando alí, nas estrelas, pola ledicia de ver o bosque de palabras e pensamento que tan ben souberon sementar, cando ser valente era a única maneira de seguir adiante.
Brindamos por eles e polo futuro, que virá cargado de novas xoias literarias, ilusión e continuidade, facendo honra ao seu exemplar legado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email