A revista Grial publica un número dobre centrado nos 70 anos da Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Mañá, 25 de xullo, cúmprense sete décadas de vida da editorial.
Estes días chega ás librerías de todo o país un número dobre da revista GRIAL centrada nos 70 anos da Editorial Galaxia. Mañá, Día de Galicia, a editora cumpre sete décadas de vida.
A publicación, dirixida actualmente por Henrique Monteagudo e con Francisco Castro como editor, quere así rendir homenaxe á súa casa editora nestes setenta anos de vida ao servicio de Galicia que se cumpren mañá sábado. Ademais das habituais seccións da revista, este número dobre enriquécese con novos apartados que serán fixos a partir de agora, como son as sección de Música (coordinada por Fernando Fernández Rego), Artes Visuais e Escénicas (Inma López Silva), Feminismos (Carme Adán) e Literatura Infantil e Xuvenil (Montse Pena Presas).
O monográfico da revista, centrado na historia da Editorial Galaxia e coordinado polo director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, recolle traballos de Antón Vidal Andión (presidente da editorial), de Víctor F. Freixanes (director ata 2016), de Malores Villanueva e Dolores Vilavedra. O número complétase con traballos de Slavoj Zizek, Miguel Anxo Bastos, Manuel Veiga, Marilar Aleixandre, Xulio Amigo, Rosalía Fernández Rial, X. L. Dasilva, Xosé Ramón Barreiro, Henrique Rabuñal, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio Míguez Macho, Iria Pedreira, Xoán Rubia, Fernanda Tabarés, María Obelleiro, Susana Pedreira, Eva Mejuto e Migue Vázquez Freire entre outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email