Velaquí os vídeos sobre as obras finalistas da Gala do Libro

Categoría: Nova

Xa se poden ver os primeiros vídeos dos finalistas dos Premios da Gala do Libro Galego 2020. O fallo dos premios realizarase o día que estaba previsto, o 9 de maio, aínda que, dadas as circunstancias actuais, non haberá entrega ata máis adiante. Dende a Gala do Libro, a través dos vídeos, as autoras e autores finalistas falan do que significa para eles estar aí. Sen dúbida, xa é toda unha honra estar entre as obras escollidas. Na editorial Galaxia, son seis os libros finalistas:
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane, na categoría de Ensaio e investigación, e Iniciativa bibliográfica. A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Castro Rivadulla Fernández, en Divulgación. Carrusel, gañadora do Premio García Barros 2019, de Berta Dávila, nominada como a mellor obra en Narrativa. Antonio García Teijeiro, na sección Infantil, está nominado con Bicos e non balas, e Chus Pato, en poesía, por Un libre favor. No apartado de Teatro, Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala, tamén é unha das obras candidatas.
A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 9 de maio de 2020, aínda que
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email