Edgar Costas Sanmartín gaña o IV Premio Roberto Vidal Bolaño 2021

Categoría: Evento

A obra gañadora do IV Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021 é CASA DE FERAS.

Hoxe, 25 de xuño, ás 19 h, celebrouse, no Concello de Porriño, a entrega do Premio Roberto Vidal Bolaño de Teatro 2021. O gañador Edgar Costas Sanmartín, recolleu o galardón nun acto no que interviron Raquel Castro (IES Ribeira do Louro), Eva García, alcaldesa de O Porriño, e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia. 

O xurado, formado por Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Delio García,  e Raquel Castro, como secretaria; destacou da obra “a orixinalidade do tratamento dramatúrxico do xénero da fábula, as posibilidades escénicas que presenta ao ser un texto con moitos personaxes que permiten o seu traballo con grupos amplos de alumnado e as distintas temáticas abordadas que van dende o maltrato animal, ás relacións de poder e a liberdade.” 

Casa de feras, achega, mediante o uso dun humor cargado de ironía, “a terríbel situación protagonizada polos animais que entre 1774 e 1972 habitaron, no parque do Retiro de Madrid, un zoolóxico de aceiro e formigón”.

O Premio Roberto Vidal Bolaño, nacido en 2018, está convocado polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro, e ten como finalidade animar á escritura de pezas teatrais dirixidas ao público novo, é dicir, ao alumnado da ESO e Bacharelato. Un galardón que, en anteriores ocasións, foi gañado por Fernando Castro Paredes, con A derradeira bala,  Ana Abad de Larriva con A sombra das árbores, e, o ano pasado, José Luís Baños De Cos con A cámara escura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email