O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro, cuarteando a súa pel como terra seca. Domingo Villar, en A praia dos afogados, (Finalista do International Dagger Prize 2011, Premio Frei Martín Sarmiento 2011 na categoría de adultos, Libro do Ano nos Premios Irmandade do Libro 2009, Premio Losada Diéguez de Creación Literaria, Premio Brigada 21 de novela negra.)
Esta frase foi a elixida para protagonizar o valo publicitario de Beiramar de Pereira 2020. A empresa activou un concurso en redes sociais para que os seguidores escolleran entre tres frases de tres libros do escritor vigués, sendo esta a favorita do público cun 80% dos votos. O mércores 11 de decembro, celebrarase a inauguración da mesma, ás 12:00 h, a bordo do barco Ponte Sabarís, que se atopa fondeado no pantalán nº 4 do Porto Pesqueiro, e dende a que se poderá ollar a mensaxe deste ano.
O acto contará coa presenza de Domingo Villar, os gañadores do concurso de Pereira, Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia, Carlos Lema, director de edicións da mesma entidade e os responsables da empresa organizadora. Serviranse aperitivos e cada asistente será obsequiado cun libro firmado polo autor.
Sen dúbida, unha cita imprescindible cun dos nosos autores máis senlleiros.