Luz Picos, secretaria técnica da AGE, Asociación Galega de Editores, presentou aos invitados: Xesús Couceiro (Librería Couceiro), Tucho Calvo (Biblos. Clube de lectoros) e Cecilia Monllor (Librería Nós), e marcou o punto de inicio da mesa: vender libros hoxe, en Galicia.
Para Xesús Couceiro, que abriu o turno de opinións, o mercado do libro en Galicia é pequeno, non só en público senon tamén en produción e en puntos de venda. Pasouse dunha cifra editorial de pouco máis de 100 títulos por ano nos ‘70 a máis de 2.000 títulos hoxendía, que non é para botar foguetes pois o número inclúe publicacións institucionais e extraliterarias. Polo tanto, de non aumentar a produción e a urdime de puntos de venda a librería seguirá aturando dificultades, en gran medida polo custe de ubicación do local, cada vez máis insostenible.
Tucho Calvo apuntou, como Couceiro, a presión da estrutura como causa das dificultades do gremio. Non obstante, discrepou da debilidade da rede de librerías do país, pois os últimos datos colocan a Galicia no terceiro posto da lista estatal de librerías por habitante. Se non coidamos esta rede -engadiu- mediante subvencións, do mesmo xeito que se fai con outros sectores, irá minguando ata a súa concentración definitiva. E por alí irá o libreiro, o libro e o idioma.
Para Cecilia Monllor os libreiros son xente apaixonada pola lectura e polo libro. Non hai dúbida ningunha. Pero a librería é un negocio e á fronte del ten que estar un empresario, e os empresarios non choran como fan os libreiros, afrontan os cambios que, por outra parte, adoitan ser inevitables. Para Monllor o metro cadrado conta moito, cada vez máis; a especialización non sempre é posible (outra vez o mercado) e o libro foi desvalorizado pola política de "todo gratis". Sen embargo é Galicia a Comunidade Autónoma onde se venden máis libros de temática cultural. É o marketing -suliñou- quen ten que dar coa maneira de chegar aos lectores e aos compradores.
No coloquio que seguiu matizouse o perfil do libreiro, que se vía como profesional pero tamén como prescriptor, como analista e previsor dos gustos dos seus clientes, como axente de cultura, definitivamente. A venda do libro (do produto cultural) é a tarefa máis difícil entre as que se dan no mundo da edición, pero é preciso adaptarse ás necesidades, levar os libros aos lugares onde se venden. Cuestionouse a eficacia dos cartos gastados en subvencións comparada coa que brindaría a mesma cantidade gastada na súa promoción, pero axeitada e de calidade. Foi correcta a política governamental de celebracións ligadas ao libro? Cal é o beneficio de que o Día das Letras Galegas sexa festivo?