Discurso de ingreso de Fina Casalderrey na RAG

Categoría: Nova

A escritora Fina Casalderrey lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega mañá 22 de novembro ás 19 horas no Teatro Principal de Pontevedra.
O acto é de asistencia libre.
A escritora galega é a quinta muller en contar cunha cadeira no organismo académico. Ata agora a presenza feminina estaba representada por Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Rosario Álvarez e Margarita Ledo.
Fina Casalderrey ocupará a vacante que deixou un dos fundadores de Galaxia, Xaime Isla Couto tras o seu pasamento en abril do ano pasado. Desde a institución destacaron, tras o seu nomeamento, a súa traxectoria adicada ao ensino no ámbito rural e urbano como un aspecto "trascendente" para o desenvolvemento da literatura galega.
A nova académica da RAG é autora dunha ampla obra, sobre todo no eido da literatura infantil e xuvenil. Á publicación da novela infantil 'Mutacións xenéticas' en 1991 seguíronlle obras como 'Dúas bágoas por máquina', '¡Asústate, Merche!' ou 'O misterio dos fillos de lúa'. Con esta última gañou no ano 1995 o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil e o premio El Barco de Vapor. Da súa extensa bibliografía destacan outros títulos como 'O estanque dos parrulos pobres' -co que acadou o premio Edebé de literatura infantil e xuvenil- '¡Prohibido cazar, papá!', 'Ás de mosca para Anxo' ou '¿Quen me quere adoptar?' Ademais destes galardóns parte da obra de Casalderrey foi traducida a varios idiomas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email