Sentir co primeiro libro

Categoría: Opinión



Intento reflexionar sobre como me sinto ao saír publicado o meu primeiro libro e, aínda que sexa un tópico, non podo deixar de evocar os sentimentos propios da maternidade.

Síntome rebordante de endorfinas e oxitocina, substancias que me acompañan desde hai xa algo máis de nove meses. Primeiro foi aquela ilusión levada en segredo ata ter total seguridade de que todo ía sair ben. Despois chegou o momento de compartir a nova coa xente querida, alegrarme con ela e ir collendo uns quiliños aínda que, ben pensado, non tiñan moita razón de ser…

Eu seguía facendo a miña vida, criando os outros fillos e fillas, acudindo a diario ao traballo pero sentíndome cada día máis feliz, optimista e gozando cada vez que, esperta, soñaba con coller nos brazos esta criatura que estaba a medrar en min.

Pasiño a pasiño foi chegando o momento de axudarlle a sair ao mundo, de cortar o cordón. Daquela xa o niño estaba feito pois uns días antes sorprendérame a min mesma limpando impulsivamente os andeis da biblioteca.

É indescriptible o intre en que puiden collelo nas miñas mans, achegalo ao peito, ulilo e bicalo con todas as miñas forzas.

Desde entón dinme que son escritora pero eu creo que son a mesma só que cunha responsabilidade máis e unha enorme ilusión que sempre agradecerei.

Se algún día sei que unha nena, neno ou adulto goza coa súa lectura, estarei a sentirme a nai máis feliz do mundo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email