Dez anos despois

Categoría: Opinión

Aconteceu no Quebec, na ribeira do Saguenay, en xullo de 2009. Estabamos comendo sentados na herba cando un movemento atraeu a nosa atención nas augas calmas do río. A superficie estaba axitada porque algo acababa de se mergullar xusto fronte a nós. O Saguenay é un afluente do xigantesco río San Lourenzo e sabiamos que a miúdo as baleas se internan por estes enormes brazos de auga, aínda un chisco salgada, para darse unha boa enchente. Agardamos expectantes uns minutos e a balea apareceu, coma se fose un voluminoso arroaz, amosando o seu lombo negro e brillante, e exhalando un estrondoso chafariz cara ao ceo, un suspiro mariño incomprensible para a raza humana. Nós eramos catro galegos e estabamos rodeados de varios quebequeses que foran comer á mesma zona. Os alí congregados aproveitabamos o tempo en que a balea estaba mergullada para intercambiar opinións rapidamente, mais cando aquel maxestoso ser saía á superficie, volvía o silencio. Nunha das pausas achegouse onda nós unha rapaza quebequesa e preguntounos: “Vides de Galicia, verdade?”. Quixemos coñecer onde aprendera a nosa fala, e esperabamos que nos contase que os seus avós eran emigrantes ou exiliados galegos. Pero a resposta foi outra. “Eu son de Chicoutimi, pero vivín tres meses en Muxía. Fun alí como voluntaria no 2002 para axudarvos a limpar a marea negra do Prestige”.

Tras aquela revelación ninguén dixo nada. Non foi por ganas. Nós sentiamos admiración por aquela rapaza loura que viaxara miles de quilómetros para axudarnos. Ela estaría abraiada de atopar catro persoas falando en galego, tan ao norte. Mais todos calamos porque o impoñente mamífero saíra de novo á superficie, e os cinco sabiamos que calquera idea era banal, secundaria, perante aqueles suspiros acuáticos que traían o son milenario da vida e da beleza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email