Desaparece a edición impresa de "Galicia hoxe"

Categoría: Nova

Non son boas noticias. Dun tempo para acó as empresas xornalísticas e de comunicación que viñan mantendo viva a lingua galega están a cerrar as portas, polo menos no que se refire a medios impresos. Quédanos a web, a rede, o ciberespazo, que empeza a ser un refuxio, agocho para resistir, agardando mellores tempos.
O xornal "Galicia hoxe" vén de anunciar o seu peche na edición impresa. "¡Seguimos vivos na web!", advirten na primeira plana do derradeiro número. "A crise económica e o radical recorte de axudas institucionais converten en inviable o proxecto do único diario en galego", engaden nun texto editorial. Dezanove profesionais, entre xornalistas e filólogos, quedan sen traballo. Mais con ser isto importante, o que nos doe (o que nos preocupa moi seriamente) é a desaparición da voz en lingua galega que significaba esta cabeceira, dende hai dezaoito anos referencia obrigada da información independente, cunha atención especial (extraordinaria) que lle prestaba ao noso idioma e á nosa cultura, non precisamente sobrada de plataformas de difusión.
Antes foron "Vieiros", "A Peneira", "A Nosa Terra"… Un motivo para a reflexión. ¿Non teñen nada que dicir os nosos gobernantes? Caetano Díaz, director do xornal, escribe na derradeira páxina do derradeiro número un artigo que reproducimos á dereita destas liñas e que titula así: "A sangue frío".

Comparte nas túas redes sociais ou por email