Del Riego foi lembrado pola RAG na Penzol

Categoría: Nova

Antes das 12.00 da mañá, na Praza da Princesa, xa tocaban diferentes pezas o Grupo de gaitas da Asociaciónde Veciños do Casco Vello, que foron os encargados de recibir o plenario da Real Academia Galega. Xa no interior da Casa Galega da Cultura o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta, e o alcalde da cidade de Vigo, Abel Caballero, dirixiron unhas palabras de benvida á corporación.
A continuación deu comezo a sesión plenaria coa intervención dos académicos Ramón Lorenzo Vázquez, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero. O acto pechouno o Sr. Presidente interino da RAG, Xosé Luis Axeitos Agrelo.
Ó remate do mesmo a escritora Rexina Vega recitou un poema inédito da académica Luz Pozo Garza, que escribiu para esta ocasión. Logo, a padroeira da Fundación Penzol, Malores Villanueva, que foi a encargada de conducir o acto, leu o poema que Xaime Isla dedicou a Del Riego e un fragmento do homenaxeado sobre a lingua galega. Ó finalizar soou o himno galego.

Comparte nas túas redes sociais ou por email