“Dakota”, de María Álvarez Martínez, gaña o XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar

Categoría: Nova, Blog

Dakota, de María Álvarez Martínez, “Masha”, obra gañadora do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar

Reunido o xurado do XV premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia, integrado pola catedrática e tradutora Emma Lazare, pola profesora Carme Xiráldez, Javier Rodriguez, profesor e poeta gañador da edición anterior; asi como polo escritor e editor Marcos Calveiro, en nome da Editorial Galaxia e tamén por Miguel Anxo Mouriño, no nome do IEM, resolve por unanimidade que o poemario gañador desta XV edición sexa o presentado co lema Patios que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoria de María Álvarez Martínez.

O xurado valora que a obra constitúe unha audaz xeopoética do desarraigamento onde se destaca a memoria da infancia, os lazos familiares e os espazos compartidos coas mulleres e homes que a precederon. Unha acertada descrición da saudade, que revoga os tópicos da emigración cun revelador diálogo interxeracional. Destaca asemade o emprego dunha linguaxe aparentemente coloquial que acaba desvelando un profundo lirismo. Unha obra, en fin, onde os patios representan o espazo sensitivo e familiar onde acubillarse do xeado estrañamento da distancia.

Por outra banda, o xurado decide nomear finalistas os poemarios presentados baixo os lemas Himno nacional, Tentación dunha viaxe, No ceo da boca, Unha casa onde vivir, A mirada das 1000 iardas, querendo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

A obra gañadora será publicada baixo o título de Dakota na colección Dombate da Editorial Galaxia, onde a organización lle desexa o mesmo éxito que Xeración (Breve tratado de males inespecificos), de Javier Rodriguez e Antese, de Arancha Nogueira, poemarios gañadores dos anos 2021 e 2022.

O acto de entrega do premio e a presentación do libro, editado por Galaxia, terá lugar no mes de marzo de 2024, nunha data aínda pendente de confirmar, pero que será arredor do día 13 dese mesmo mes, cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo.

Antes da presentación oficial, no primeiro trimestre de 2024, a gañadora impartirá un obradoiro de poesía para o que se abrirá o prazo de inscrición nas próximas datas.

A organización quere destacar a boa saúde do Premio de Poesía Victoriano Taibo que, grazas ao apoio do Concello de Gondomar, chega a celebrar a súa décimo quinta edición cunha participación case récord de cincuenta e seis poemarios e unha ampla repercusión a nivel nacional, estatal e incluso internacional. Este mesmo ano, o poema “Mamá fala en documentos predeterminados” do poemario Antese, de Arancha Nogueira, gañadora da Xl edición, foi escollido coma mellor poema do ano 2022 na gala Ari[t]mar en Santiago de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email