Betty León Fong achega a tradición culinaria cantonesa aos produtos de Galicia nunha publicación que establece un diálogo entre dúas culturas gastronómicas.
Editorial Galaxia publica Da soia ao grelo. Cociña galego-chinesa, de Betty León Fong, o primeiro libro de cociña galego-chinesa en galego, con prólogo de Rafa Centeno. Unha obra que achega a cultura gastronómica chinesa desde dentro, a través da cociña caseira cantonesa transmitida de xeración en xeración, e que a combina cos produtos que ofrece Galicia.
O libro propón un encontro entre dúas tradicións culinarias aparentemente afastadas, pero que atopan na cociña un espazo común. Receitas familiares, ingredientes e técnicas gastronómicas conviven nesta publicación que tende pontes entre a cultura chinesa e a galega.
Nacida en Panamá no seo dunha familia de emigrantes cantoneses, Betty León Fong chegou a Galicia en 1977. Foi catedrática de Física Aplicada na Universidade de Vigo e, ao longo da súa vida, cultivou unha fonda paixón pola gastronomía, enriquecida polas súas orixes familiares e polas súas viaxes.
Entre as receitas que recolle o libro figuran o pato con salsa Hoisin e o flan de ovo ao baño maría, elaboracións coas que a autora obtivo en 2023 o primeiro premio no Certame Literario-Gastronómico Yo soy de Montalbán, convocado con motivo do vixésimo aniversario do falecemento de Manuel Vázquez Montalbán.
Calendario de presentacións
Betty León Fong percorrerá Galicia durante os meses de novembro e decembro para presentar Da soia ao grelo. Cociña galego-chinesa. Estas son as próximas citas:
-
9 de novembro, ás 20.00 h, no Club Faro de Vigo (MARCO), acompañada de Rafa Centeno e Xesús Domínguez.
-
14 de novembro, ás 11.30 h, na Biblioteca de Nigrán, con X. M. Soutullo e Iñaki Álava. Ás 13.30 h, no Pazo da Escola, haberá unha demostración de cociña e un menú degustación. Reservas no 646 200 047.
-
17 de novembro, ás 19.30 h, na Libraría Tanco de Ourense, con Miguel González.
-
21 de novembro, ás 11.00 h, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela, con Jorge Guitián. Ás 13.00 h, a xornada continuará cunha demostración de cociña e degustación na Troita Armada.
-
24 de novembro, ás 19.30 h, na Libraría Cronopios de Pontevedra, con Rubén González.
-
26 de novembro, ás 19.00 h, no Galgo Azul da Coruña, con Edu Lavandeira.
-
27 de novembro, ás 20.30 h, na Libraría Bandini de Ames, con Miguel Vila.
-
1 de decembro, ás 20.00 h, na Libraría Planeta Mozo de Vilagarcía de Arousa, con Xoanqui Ameixeiras.
-
2 de decembro, ás 19.00 h, na Libraría Trama de Lugo, con Héctor López.
-
16 de decembro, ás 19.00 h, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo.